Entrevista | Isabel Fraga Carou Directora do Instituto de Investigación en Psicoloxía (IPsiUS) da USC

Isabel Fraga, doutora en Psicoloxía: “Aspiramos a unha investigación socialmente comprometida”

Isabel Fraga Carou posa na facultade de Psicoloxía da USC

Isabel Fraga Carou posa na facultade de Psicoloxía da USC / Antonio Hernández

Isabel Fraga Carou (Santiago, 1963), profesora de Psicoloxía Básica na USC, é a directora do Instituto de Investigación en Psicoloxía, que comezará a súa actividade entre finais deste curso e principios do seguinte. Como o primeiro centro destas características en Galicia, ten o propósito de promover e consolidar unha investigación de calidade no eido da psicoloxía, ademais de captar talento e facer labor de divulgación.

P. Que supón para vostede ser a responsable deste novo instituto de investigación?

 R. É unha alegría e tamén unha responsabilidade poder axudar a poñer en marcha este novo instituto no seo da USC. Gustaríame destacar que este é un proxecto colectivo no que a primeira fase de redacción da memoria de creación e definición da axenda científica implicou moito tempo e esforzo de todos os que formamos parte da comisión redactora. A partir de agora todos os membros do instituto teremos que seguir nesta liña e cada un terá que poñer o seu gran de area.

P. Que implica para a universidade a construción deste instituto?

R. Implica avanzar nunha nova forma de organización da actividade investigadora en estruturas máis grandes para poder ser máis competitivos no contexto actual das fórmulas e modelos de financiamento da investigación. Sen dúbida, contribuirá tamén a xerar novas sinerxías entre os grupos de investigación, promovendo a investigación científica no eido da psicoloxía. Paréceme importante destacar, por último, que se trata do primeiro centro deste tipo en Galicia, poñendo a nosa comunidade autónoma no mapa do estado español, onde xa hai centros de investigación de excelencia en Psicoloxía e Ciencias do Comportamento en Andalucía, País Vasco, Madrid, Cataluña ou Valencia.

P. Coñécese a data na que podería estar en funcionamento?

R. As persoas que forman parte dos grupos promotores están desenvolvendo xa a súa actividade ordinaria neste ámbito científico. A investigación non se detén porque xa temos en marcha proxectos, teses doutorais e contratos con empresas e institucións aos que hai que atender. A creación do instituto supón un impulso a esta actividade e á capacidade do colectivo para ser competitivo en termos de captación de recursos e creación de redes de cooperación.

A nivel formal, xa está constituída a Xunta de Goberno do instituto, presidida polo reitor. De seguido, farase a convocatoria de vinculación a todas as investigadoras e investigadores interesadas/os. Unha comisión de expertas/os será a encargada de revisar os currículos e isto aínda pode levar un tempo, pero coido que podemos garantir o inicio das actividades regulares do instituto como tal entre finais deste curso e principios do seguinte.

P. Que aspectos positivos conleva que vaia estar dentro da propia facultade de Psicoloxía da USC? 

R. O instituto vai estar, de momento, localizado nos espazos nos que xa viñan desenvolvendo o seu traballo os grupos de investigación que o promoven e aqueles que se incorporen, que están, esencialmente, na facultade de Psicoloxía. Aínda que están próximos entre si, encóntranse dispersos dentro destas instalacións. Por iso aspiramos, nun futuro próximo, a atopar unha solución que posibilite xuntar toda a actividade nun espazo unitario.

 É ben sabido que a potencialidade de desenvolvemento da investigación aumenta exponencialmente cando os investigadores/as, doutorandos/as e seniors de distintas liñas conviven en espazos comúns, pois isto permite estar en contacto permanente, intercambiando e compartindo experiencias, dúbidas e reflexións. O goberno da universidade concorda con esta visión, e agardamos contar coa implicación da xerencia na procura dunha solución nesta dirección, acorde coas nosas necesidades e potencialidades.

“Dotaremos á psicoloxía feita en Galicia dunha estrutura de investigación sólida que incremente as posibilidades de incorporación de investigadores novos”

P. Cal é o seu principal fin?

R. O noso principal obxectivo é promover e consolidar unha investigación de calidade no eido da psicoloxía e disciplinas relacionadas. Tamén pretendemos captar talento e facer labor de transferencia e divulgación. Coido que a pandemia colocounos no foco de atención tanto social como mediático, pero existe unha psicoloxía máis alá da Clínica e da Saúde que é menos coñecida. 

Daquela, a nosa axenda científica articúlase en torno a catro retos específicos. O primeiro reto está relacionado coa promoción da saúde e o benestar, destacando a investigación en envellecemento saudable e condutas de risco e adicións. O segundo ten que ver co desenvolvemento de sociedades inclusivas e diversas, con especial atención ás persoas vulnerables. O terceiro atinxe á sociedade dixital e á sustentabilidade, e inclúe liñas de traballo para desenvolver ferramentas dixitais (e-Health) para a avaliación e a intervención psicolóxica, ou a investigación destinada a identificar e superar as fendas dixitais e lingüísticas. 

P. E sobre os procesos cognitivos?

R. De xeito transversal a todos estes retos, manteremos a investigación experimental en procesos cognitivos e afectivos; é dicir, o que adoitamos chamar procesos psicolóxicos básicos (atención, aprendizaxe, memoria, emocións, razoamento e toma de decisións, a comprensión e produción da linguaxe, etc.), unha investigación, non por menos coñecida, menos relevante, xa que nestes procesos atópase a base da conduta humana.

P. No momento da súa aprobación no Consello de Goberno de decembro anunciouse que ía contar con 50 investigadores. Será así? 

R. Si, ao formar parte dos grupos promotores, de partida contamos cuns 50 investigadores/as como potenciais membros do instituto, pero iso dependerá das solicitudes de vinculación recibidas, xa que a vinculación é individual e non está restrinxida ao persoal deses grupos. Así, nós confiamos en que se sumen outros investigadores e investigadoras. En todo caso, formarán parte do IPsiUS persoas de todos os departamentos da facultade de Psicoloxía, esperando abrir o instituto a aquelas persoas da USC cunha traxectoria relevante ou prometedora nas temáticas da nosa axenda científica.

P. De onde sairá a maior parte do soporte económico?

R. Como é habitual, o financiamento virá sobre todo de convocatorias públicas, estatais e europeas, para as que o agrupamento no marco do instituto nos fará máis competitivos. Tamén queremos afianzar contratos con empresas e institucións para ofrecer solucións a problemas sociosanitarios da nosa contorna. Ademais, esperamos poder concorrer a liñas específicas de financiamento de centros e institutos de investigación que a Xunta está a promover nos últimos anos. 

P. É necesaria máis investigación no ámbito da psicoloxía?

R. Eu non diría que fai falta máis investigación, senón que o noso principal obxectivo é afianzarnos no camiño xa iniciado de facer unha investigación rigorosa e comprometida coas necesidades da sociedade. A psicoloxía é unha disciplina transversal; onde hai seres humanos, hai comportamento e, polo tanto, son moitos os eidos para a investigación científica tanto de carácter básico como aplicado. O foco de traballo do IPsiUS nos próximos anos debería estar dirixido a desenvolver unha investigación sostible e de calidade en liñas diversas como as xa mencionadas e, ao mesmo tempo, abrir novas liñas en consonancia coas demandas e retos dunha sociedade cambiante, buscando incrementar a colaboración xa existente con outros investigadores, grupos e centros da propia universidade.

P. Atraer talento investigador será unha cuestión esencial.

R. Sen dúbida, e particularmente abordarase no primeiro período. Unha das razóns da creación deste instituto é dotar á psicoloxía feita en Galicia dunha estrutura de investigación sólida que incremente as posibilidades de incorporación de investigadores novos, pois tamén a idade media do persoal docente e investigador da nosa facultade é moi elevada. Temos a ilusión de que este novo centro, xunto co estupendo labor que se ven facendo dende a facultade, contribúa decididamente á mellora da docencia e a investigación.