Santiago

A ollada inédita dos que retratan o país

A Igrexa da Universidade acolle durante o próximo mes unha mostra con imaxes de 73 fotoxornalistas que desenvolven o seu traballo a diario en Galicia

Instantáneas de actualidade e outras máis persoais compoñen unha exposición na que está reflexada tamén a mirada dos fotógrafos de EL CORREO GALLEGO

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este luns en Santiago durante o seu discurso na inauguración da exposición

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este luns en Santiago durante o seu discurso na inauguración da exposición / Jesús Prieto

“Queremos facer contemplar o noso país”, remarca o escritor Alfredo Conde no prólogo da exposición A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego, que foi inaugurada onte na Igrexa da Universidade. A mostra, que poderá visitarse ata o 15 de maio de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas, recolle un total de 73 fotografías doutros tantos profesionais e ten como obxectivo poñer en valor o traballo que desenvolven no seu día a día para os diferentes medios de comunicación de Galicia.

Fotógrafos de EL CORREO GALLEGO

As fotografías que compoñen a exposición abranguen temáticas moi variadas, desde asuntos de actualidade, pasando por paisaxes, documentos antigos ou outras cunha visión máis persoal do seu autor, e entre elas figuran dúas feitas por fotoxornalistas de EL CORREO GALLEGO. Na imaxe tomada por Antonio Hernández pode observarse un grupo de vacas que pastan apaciblemente en Lavacolla mentres unha bandada de estorninos levanta o voo ao seu lado nunha finca situada á beira do Camiño de Santiago.

Imaxe de Antonio Hernández tomada en Lavacolla, en Santiago, escollida para a mostra

Imaxe de Antonio Hernández tomada en Lavacolla, en Santiago, e escollida para a mostra / Antonio Hernández

Pola súa banda, Jesús Prieto, seleccionou unha instantánea na que un membro da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia fai repicar unha das campás da Catedral de Santiago durante a Semana Santa do ano pasado, unha actividade que se ofrece a realizar habitualmente este colectivo nas festas máis sinaladas.

Instantánea de Jesús Prieto realizada na Catedral de Santiago incluida na exposición

Instantánea de Jesús Prieto realizada na Catedral de Santiago e incluida na exposición / Jesús Prieto

Revivir o momento

Na inauguración da mostra, que organiza a Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia co apoio da Xunta e da USC, o presidente autonómico, Alfonso Rueda, puxo como exemplo a súa experiencia recente na investidura e toma de posesión do seu cargo para poñer en valor a importancia do traballo dos reporteiros gráficos. “Esta semana foi moi intensa e eu tiven tamén sentimentos igual de intensos. Cando vin a foto nas redes sociais, e ao día seguinte no xornal volvía vivilo. Eu creo que o que sentín naquel momento é tamén o que sentía vendo a foto. Iso é porque a foto estaba ben feita e tamén ben escollida”, sinalou.

O líder do Executivo galego reivindicou o fotoxornalismo e suliñou que “en Galicia hai magníficos profesionais e está ben que de vez en cando fagan unha exposición coma esta para que se vexa a excelencia enorme das fotos publicadas e doutras que non o foron”. Ademais, Rueda ironizou coa importancia que ten para os representantes públicos nos seus actos seguir as recomendacións dos fotógrafos, apuntando que “imos seguir facendo o que facemos sempre, que é exactamente o que nos mandades. Que levante a man quen coñeza un político que non faga o que lle manda o fotoxornalista”.

Desta maneira, volvendo referirse ao acto que viña de protagonizar horas antes, engadiu que “vimos da toma de posesión e as fotos que saen nos medios de comunicación son exactamente as que os fotoxornalistas decidiron que había que facer”.

Levar a exposición a máis cidades galegas

Pola súa parte, a presidenta da APG, María Méndez, apuntou que a exposición “nace da necesidade de expoñer o talento de fotógrafos e xornalistas” e indicou que as imaxes están acompañadas de textos literarios elaborados por xornalistas. Méndez tamén asegurou que a intención da entidade é que a mostra, unha vez clausurada en Santiago, poida seguir a súa itinerancia por outras cidades galegas. “Andamos á procura de facer visible o creativo labor dos nosos profesionais da comunicación visual e escrita”, afirmou.

O evento inaugural contou tamén coas intervencións da vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias, e do comisario da exposición, Fernando Blanco, quen expresou a intención crear unha asociación de fotoxornalistas de Galicia para afrontar os retos e problemas que afectan ao colectivo. Ademais, ao acto asistiron representantes da corporación municipal de Santiago e de diferentes medios de comunicación, así como varios dos reporteiros gráficos que aportaron as súas imaxes para a mostra.