O Concello retoma o asfaltado de nove rúas de Santiago previsto para o outono pasado

As actuacións desenvolveranse na rúa da Presa, no Campo de Santa Isabel, Vite de Abaixo, avenida do Burgo das Nacións -entre o Auditorio de Galicia e a facultade de Económicas-, a rúa Pilar Miró, a do Tambre e a das Casas da Hedra e Travesa da Hedra, ademais de San Caetano -entre as prazas da Paz e de España-

A licitación das obras no Pombal sufriu demoras por incompatibilidades das empresas participantes no concurso

A licitación das obras no Pombal sufriu demoras por incompatibilidades das empresas participantes no concurso / Antonio Hernández

Despois de que nos últimos días a veciñanza de Compostela comezase a sinalizar fochancas -algunhas delas de importantes dimensións- nalgunhas das rúas máis céntricas da cidade -praza de Galicia ou Doutor Teixeiro entre elas-, chegaba onte o anuncio do concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, que presentaba no Pazo de Raxoi o programa de asfaltado para a rehabilitación do firme de nove rúas da cidade, para o que o Goberno local dispón dun orzamento de 358.535 euros

Trátase dunha serie de actuacións a desenvolver nas rúas da Presa -na contorna de Lamas de Abade-, no Campo de Santa Isabel, Vite de Abaixo, avenida do Burgo das Nacións -entre o Auditorio de Galicia e a facultade de Económicas-, a rúa de Pilar Miró, a do Tambre e Casas da Hedra e Travesa da Hedra, ademais de San Caetano -entre as prazas da Paz e de España-. Domínguez explicou que as obras se corresponden con “lugares que se consideran de prioridade desde un punto de vista técnico, aínda que somos conscientes de que son moitos os viais que precisan tamén de asfaltado, sobre todo, despois deste inverno de chuvias intensas e continuadas”. 

Segundo explicou o concelleiro, a previsión é que estas obras se complementen “con outras intervencións posteriores, co fin de resolver as necesidades de pavimentación, que son moitas tanto no urbano como no rural”. En todos os casos, segundo explicou Domínguez, vaise proceder á limpeza dos bordos do viario, ao seu fresado, á reposición do asfaltado en quente e ao pintado do pavimento, aínda que as actuacións non serán inminentes, xa que está pendente a sinatura do contrato de obras, polo que o inicio das mesmas non se producirá ata dentro dun mes ou mes e medio.

O edil informou tamén sobre a reposición de varios redutores da velocidade nas rúas de Vite de Abaixo, Burgo das Nacións e Tambre. Así mesmo, repoñeranse durante este programa as canles para a recollida de augas pluviais no Campo de Santa Isabel e na rúa de Pilar Miró. Nesta última, ademais, levarase a cabo a demolición e a apertura da caixa da zona de estacionamento, “así como da marxe norte da rúa para a ampliación do vial”. A área de estacionamento executarase en formigón armado xunto cun conduto que permita a recollida das pluviais na parte lindante do aparcamento e o vial. Na área de ampliación executarase unha capa de grava e finalmente aplicarase o asfaltado en quente, ademais de proceder a pintar o tramo.

Apenas 1.200.000 euros para o reasfaltado e rebacheado

O concelleiro Xesús Domínguez recoñeceu na rolda de prensa a urxencia das actuacións de reasfaltado que se van acometer, xa que estaban previstas para o pasado outono. En total, entre a partida destinada en 2023 -358.535 euros-, a contía para mantemento de viais de 400.000 euros e outra cantidade igual que se asignará dos orzamentos deste ano, o Concello destinará a estes arranxos algo menos de 1.200.000 euros, cos que se cubrirá a necesidade de poñer a punto algunhas das rúas máis deterioradas da cidade. Domínguez fixo referencia ao prexuízo que causa a meteoroloxía sobre os pavimentos, alegando a elevada pluviosidade dos últimos meses, relatando tamén que se produciron afloramentos de auga -concretamente na contorna do Clínico-, que obrigaron a actuar sobre asfaltados que previamente ao mal tempo non presentaban deterioración.

Unhas das fochancas denunciadas e sinalizadas nos últimos días pola veciñanza compostelá

Unhas das fochancas denunciadas e sinalizadas nos últimos días pola veciñanza compostelá / CEDIDA

O concelleiro referiu tamén as actuacións de reparación de fochacas xa realizadas en rúas como Lisboa, Viena, Berlín, Cruz de Gallaztegui, San Lázaro, Estadio de San Lázaro, Fernando Casas Novoa, Vite de Abaixo, travesa dos Cabalos, Cima da Eira, Conxo de arriba, Porto do Medio, Mallou de Abaixo, Anxo Casal e Pena María. Domínguez falou de parcheos de urxencia que se realizaron recentemente nas rúas da Presa, Burgo das Nacións, avenida de Barcelona, Aller Ulloa, Cancelas, praza de Galicia, Valiño, avenida de Castelao, vía Edison, Cierva, Costa Vella, Cruceiro da Coruña, vía Marconi, Tabaniscas, Tambre, Cañeira, Chaparra, avenida de Xoán XXIII, Pena Corveira, Muiña Mira, Porta do Camiño e Manuel María.

Domínguez adiantou que nas vindeiras semanas se realizarán obras de mantemento na Porta do Camiño, Rodas, praza de Galicia, Doutor Teixeiro, República Arxentina, As Cancelas, París, praza de España e Cruceiro da Coruña. O edil solicitou da veciñanza “colaboración e paciencia” polos cortes de tráfico que haberá que facer para acometer unhas obras que serán “relativamente rápidas”.