Entrevista | Andrés Couso Viana Presidente do Consello do Estudantado da USC

“Debemos ser referencia para o estudantado: de 25.000 alumnos da USC, só temos 600 seguidores en Instagram”

Andrés Couso Viana cre que  “estamos nun momento no que a xuventude está distante da clase política"

Acaba de ser elixido presidente do Consello do Estudantado da USC despois de pasar polo cargo de vicepresidente

Andrés Couso Viana, novo presidente do Consello do Estudantado da Universidade de Santiago

Andrés Couso Viana, novo presidente do Consello do Estudantado da Universidade de Santiago / Cedida

Andrés Couso Viana (Teo, 2003), estudante de terceiro curso de Veterinaria, acaba de ser elixido presidente do Consello do Estudantado da USC despois de pasar polo cargo de vicepresidente. O órgano de representación estudantil mantivo o pasado venres 12 de abril a súa primeira xuntanza de traballo, á que convidaron ao xerente da USC, Javier Ferreira, e á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que coñeceron de primeira man os seus retos máis inmediatos, como é dar a coñecer este órgano a toda a comunidade universitaria.

Como asume o reto de ser o presidente do Consello do Estudantado da USC?

A verdade é que estou moi ilusionado porque acabamos de conformar unha coordinadora moi plural, con xente recén entrada no Consello e con algunha persoa veterana. Na anterior coordinadora só había unha muller e agora son cinco, unha delas ocupando a vicepresidencia e a outra a tesouraría. Ademais, despois da recente reunión co xerente e coa vicerreitora de Estudantes, Pilar Murias, dinme de conta de que temos moitas ganas de traballar. A coordinadora, a través das súas portavocías de (Relacións Exteriores e Internacionalización, Desenvolvemento Normativo e Calidade, Investigación, Igualdade, Infraestruturas e Servizos e Lingua e Cultura), vai fomentar moito o traballo de todo o Consello. Considero que a nosa tarefa é moi positiva para o estudantado da USC en xeral.

Cales son os principais retos que teñen por diante este ano?

En primeiro lugar está o reto que xa existía anteriormente, e que é esencial, de chegar a todo o estudantado da USC. Na actualidade temos só 600 seguidores en Instagram de 25.000 estudantes que hai na USC e igual o 95% ten unha conta nesta rede social. Debemos ser referencia para o estudantado ante calquera problema que exista a nivel normativo ou institucional, para que poidan recorrer a nós ao ser coñecedores das normativas e actuar como canle de comunicación entre o estudantado e os órganos institucionais como a reitoría. Para isto temos pensado facer de novo as xornadas de convivencia e formación universitaria a principios do vindeiro curso, que xa se celebraron no mes de marzo. É importante que o estudantado de primeiro e segundo curso poida entender un pouco mellor a universidade e se anime a participar en representación estudantil para ser coñecedores de como funciona a USC. Tamén temos pendente unha reunión do grupo de traballo de participación, na que trataremos a reformulación do apartado do Consello na páxina web da USC, xa que agora está bastante pobre.

Cal é a importancia de que o estudantado da USC participe nos órganos de toma de decisións?

Estamos nun momento da sociedade no que a xuventude está distante da vida política e hai moita desafección. Hai descoñecemento de como son as institucións e o que nos permite estar dentro delas. Cada un dos membros do Consello entende a necesidade de representar ao estudantado a nivel de centros para organizar, por exemplo, o calendario de exames ou os horarios dos semestres, que son esenciais para nós ao permitirnos garantizar que teñamos suficiente tempo entre o fin das clases e os exames. Se non estamos presentes, o persoal docente e investigador non ten a nosa perspectiva. En canto ao tema infraestruturas e servizos, se non estamos non hai capacidade para pedir, como nestes momentos se ve coa inmediata incorporación de salas de microondas nas facultades para o estudantado, unha proposta feita polo xerente. Se non está a nosa perspectiva non podemos adaptar a universidade á nosa realidade.

Recentemente a USC e o Concello decidiron ir da man para impulsar a creación de residencias universitarias en Compostela. Que valoración fai do tema?

É certo que a USC é unha universidade con moitas residencias públicas, pero ante a subida dos alugueiros e a situación de descontrol que se vive é moi necesario que cada institución tome un pouco as súas responsabilidades. AUSC, despois de falalo con nós, decidiu traballar para aumentar as residencias. Quizais agora deben ser o Concello e a Xunta quen teñan en conta esta situación e asuman as súas competencias para frear a suba descontrolada de prezos, que é terrible para o estudantado. Estamos conformes con que a USC e o Concello tomen partido nisto, que cada un intente remar co que ten para frear esta problemática. Ademais, as becas non son suficientes.

Como está a funcionar a ‘app’ da USC para beneficiarse da redución de prezos nos menús das cafetarías, con 6,5 € para o estudantado?

A percepción que teño é que hai máis estudantes dos que había no anterior semestre consumindo nas cafetarías. Eu estudo Veterinaria e véxoa con moita xente case todos os días. Creo que foi unha medida boa para o estudantado porque para nós era inasumible un gasto de 7,50 euros en cada menú e moitas veces non tes outra alternativa que comer na facultade porque non tes tempo de ir á casa entre clase e clase e penso que tamén foi bo para as cafetarías porque, a pesar de que non teño datos, como dicía, penso que aumentou o consumo nas cafeterías.

Este martes estivo no pleno do Consello de Estudantes Universitarios do Estado (CEUNE). Que aspectos trasladou na reunión?

A verdade é que foi un pleno moi exitoso. Reunínomos co Secretario de Estado de Ciencia e Innovación de Universidades e co Secretario Xeral de Universidades, un membro de cada máximo órgano universitario de representación estudantil de cada universidade. Como presidente do Consello fun en nome da USC, e levamos 6 das 17 mocións que se presentaron. Todas foron aprobadas cunha ampla maioría. A verdade é que fomos felicitados por varios membros do CEUNE polo traballo feito e habendo máis de 100 membros.

Que pediron?

A primeira moción tratou do impulso do galego nas universidades de Galicia. Solicitamos máis financiamento e facer un plan para que máis do 50% da docencia sexa en galego. A segunda moción presentada ía en relación coa situación deficiente de mobilidade cara o Campus de Lugo da USC. Pedíase que se trasladase ao Ministerio de Transportes que se finalizasen coa maior brevidade posible as obras da A-54, así como a conexión por tren entre Lugo e as distintas cidades galegas. Incluso se propuxo a posibilidade de gratuidade no transporte.

E as restantes mocións?

O resto de mocións viñeron traballadas en colaboración coa sectorial (asociacións de estudantes de graos concretos a nivel España) de psicoloxía, outra coa de veterinaria e dúas coa sectorial de farmacia. A de Psicoloxía era relativa ás unidades de atención psicolóxica e promoción da saúde nas universidades. A primeira de Farmacia estaba relacionada coas prácticas tuteladas na que se expoñía que as realizadas de cara ao final da carreira teñen criterios moi diferentes entre as universidades e moitas veces non se adaptan á normativa. E a segunda, sobre competencias da profesión farmacéutica e a súa adquisición nos estudos de grao porque cren que son insuficientes. A de Veterinaria puxo o foco en que queren aumentar os créditos de 300 a 360, o que se traduce en pasar de 5 a 6 anos para poder manter a acreditación europea e aumentar a nosa formación práctica porque a día de hoxe gran parte do estudantado non sae coas competencias suficientes.