A USC e o CHUS abren a porta a unha nova terapia contra un cancro letal de tiroide

Os investigadores esperan que o estudo anime as farmacéuticas a investir no desenvolvemento dun novo tratamento

Investigadores do CIMUS e do CHUS de Santiago que fixeron o estudo

Investigadores do CIMUS e do CHUS de Santiago que fixeron o estudo / USC

O cancro anaplásico de tiroide, un dos máis agresivos e devastadores, actualmente ofrece poucas opcións de tratamento efectivas, cunha taxa de supervivencia de cinco anos de apenas o 5%. Non obstante, un novo estudo abre a porta cara a unha terapia innovadora. A investigación foi realizada por persoal investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS) e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ambos os dous pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia (IDIS), dirixidos por Clara Álvarez, do grupo Neoplasia&Endocrine Differentiation do CiMUS da USC, e José Cameselle, do Servizo de Patoloxía do CHUS.

 O estudo, publicado na prestixiosa revista Nature Communications, identifica un axente terapéutico, PIAS2b-dsRNAi, que elimina selectivamente as células cancerosas anaplásicas de tiroide sen afectar as células sas ou a outros tipos de cancro de tiroide de curso benigno. “Este achado representa un avance significativo na loita contra esta enfermidade tan desafiante”, apunta Clara Álvarez. Ademais, “supón un enfoque totalmente novidoso para tratar o cancro anaplásico de tiroide. O uso de PIAS2b-dsRNAi baséase en ter identificado que unha das diferenzas entre o cancro anaplásico e as células normais, que á súa vez é esencial para a súa proliferación, podería ser utilizada como o seu talón de Aquiles”, comenta José Manuel Cameselle.

O papel da enzima

O persoal investigador descubriu que unha enzima chamada PIAS2b desempeña un papel crucial na supervivencia das células anaplásicas de tiroide. A diferenza das células normais ou doutros tipos de cancro, as células anaplásicas dependen de PIAS2b para a súa división. Este descubrimento brindou a oportunidade de deseñar unha terapia dirixida que atacara especificamente esta enzima clave.

 A investigación non se limitou ao cancro anaplásico de tiroide. Os estudos demostraron que PIAS2b-dsRNAi tamén era eficaz na eliminación de células cancerosas anaplásicas doutras localizacións, como páncreas, pulmón ou estómago. Esta versatilidade abre a porta a aplicacións máis amplas no tratamento de diversos tipos de cancro anaplásico.

 Estes resultados representan un avance significativo na loita contra o cancro anaplásico de tiroide e outros tipos de cancro anaplásico. A terapia PIAS2b-dsRNAi ofrece unha alternativa prometedora ás opcións de tratamento limitadas actualmente dispoñibles.