Máis de mil rapaces reivindican en Santiago o uso do galego

Alumnado de dez centros de ensino da capital galega e da contorna participaron este luns no Correlingua 2024

Da Alameda partiu a marcha e alí Isabel Risco actuou como mestra de cerimonias e Cuarta Xusta ofreceu un concerto

Un total de 1.060 alumnos e alumnas de dez centros escolares de Compostela e contorna participaron este luns na XXIV edición do Correlingua, que este ano leva como lema “Dende aquí ata acolá, galego xa!”. No parque da Alameda iniciouse unha marcha a prol do idioma que percorreu as principais rúas da zona vella da cidade para logo continuar coa celebración no mesmo emprazamento. O obxectivo desta xornada é o fomento do uso da lingua entre as xeracións máis novas tendo en conta a importante perda de falantes que se está a producir nos últimos anos.

A intención é que esta actividade non sexa só un acto puntual que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas, senón unha actividade extensa no tempo que sirva de pretexto para a normalización lingüística nos centros de ensino. Na xornada participaron alumnado e profesorado dos centros de ensino Xelmírez I, Xelmírez II, Rosalía de Casto, Eduardo Pondal, Monte dos Postes, Apóstolo Santiago, Vite, Xulián Magariños (Negreira), Terra de Soneira (Vimianzo) e Dices (Rois).

A actriz Isabel Risco, como mestra de cerimonias e clara defensora do uso do galego, foi contundente coa súa mensaxe. “Falade sempre galego”, repetiu en varias ocasións durante a presentación da xornada que contou coa intervención dos organizadores. A primeira foi María Buño, responsable de Correlingua, quen definiu este encontro como “unha festa pola lingua que nos une, a lingua do día a día”.

Pola súa banda, Rubén Fernández, secretario comarcal de CIG Ensino, agradeceu o traballo dos mestres e mestras alí presentes. Incidiu en que o seu desexo é “que sigades difrurando o idioma galego”.

Tamén pronunciou unhas palabras Marcos Maceira, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, quen fixo un saúdo especial ao Eduardo Pondal, centro no que pasou as súas primeiras etapas educativas. “Falar galego depende da nosa vontade invididual”, dixo, ao que engadiu: “Temos que reclamalo día a día xa que debemos ter a posiblidade de usalo para todo”.

A alcaldesa Goretti Sanmartín tamén acudiu ao acto de clausura do Correlinguas 2024 acompañada de representantes de grupos municipais. Na súa intervención fixo referencia á renovación do compromiso co idioma. “Santiago é unha cidade internacional, ben coñecida no mundo, e é un lugar onde o galego ten unha presenza moi importante”, dixo.

Aludiu á responsabilidade de falar en galego e, nese sentido, deixoulle á organización do Correlingua un “contrato de fidelidade á lingua galega, para quen queira asinalo”, a quen agradeceu que traian de novo esta actividade a Compostela, “un concello con orgullo de falar a lingua propia e de garantir os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes”. Unha copia dese contrato foi entregado a cada un dos centros participantes no Correlingua.

Despois das diferentes intervencións e dunha entrega de premios pola realización de pancartas en defensa da lingua e en recoñecemento á mellor animación, que caeu en mans de alumnado do Monte dos Postes, os asistentes poideron desfrutar dun concerto de Cuarta Xusta. Estudantes e profesorado bailaron e festexaron xuntos.  

Fala a cativada: "É importante protexer a nosa lingua e levala por todo o mundo"

Os máis pequenos procedían do CEIP de Vite e portaban unha gorra de cor verde que os identifica ao levar a frase “Eu son de Vite”. Tristán Serrado, de tan só sete anos, recoñeceu que “normalmente non falo galego, pero a verdade é que me gusta”. Quixo recoñecer que lle chama a atención ver como “o meu pai o fala co meu avó”. O seu compañeiro Alex Rodríguez recoñeceu que na casa fala galego, pero no colexio “moi pouco”. Incidiu en que lle gusta aplicar a nosa lingua “cando fai os deberes”.

Elsa Desclos, de 12 anos e estudante do IES Eduardo Pondal, declarou que esta actividade “é moi positiva”. Manifestou que é importante “protexer a nosa lingua e levalo por todo o mundo” xa que “falar galego é enriquecedor”. Asegurou, ademais, que os membros da súa familia intentan falalo na casa “para que non se perda”.

Lucía Cancela, do mesmo centro educativo, e dous anos máis maior, define a actividade como “unha xuntanza reivindicativa”. Ve que “a xente da nosa xeración fala pouco en galego, cando realmente é unha lingua que define de onde eres”. 

Así transcorreu en Compostela unha nova edición da festa do galego entre a cativada.