Senén Barro: “O congreso de IA en Santiago terá proxección internacional no tempo”

No mes de xuño recollerá un premio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia ao CiTIUS pola organización do ECAI2024, que terá lugar do 19 ao 23 de outubro

Edificio do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, no Campus Sur

Edificio do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, no Campus Sur / Jesús Prieto

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de conceder o Premio Especial CPEIG ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS) pola organización da ECAI 2024 (European Conference on Artificial Intelligence), o encontro científico máis importante de Europa no ámbito da intelixencia artificial. O evento, que regresa á capital galega por segunda vez en catro anos, desenvolverase do 19 ao 23 de outubro, convertendo a Compostela e Galicia nas capitais mundiais da intelixencia artificial.

O director científico do CiTIUS, Senén Barro Ameneiro, recollerá o galardón na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.

O premio é “unha gran satisfacción” para Senén Barro. En conversación con EL CORREO GALLEGO, sinala que “recibir recoñecementos públicos pola labor que desenvolvemos sempre é unha alegría, pero aínda é maior se quen fai ese recoñecemento é unha organización tan prestixiosa como o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia”. 

A conferencia ECAI reunirá ao longo dunha semana a máis dun milleiro de investigadores e profesionais da intelixencia artificial de universidades, centros públicos e empresas. En palabras de Barro, “chegarán de todo o mundo”. Isto tradúcese nun congreso “bandeira da IA europea, e un dos máis importantes do mundo”.

“Este congreso é a bandeira da Intelixencia Artificial europea, e un dos máis importantes do mundo”

Senén Barro

— Director científico do CiTIUS

Senén Barro non dubida en que nese tempo Compostela se vai a converter na capital mundial da IA, pero para él aínda é moito máis importante “a visibilidade e proxección internacional que terá no tempo o feito de organizar este gran evento, tanto para Santiago como para o conxunto de Galicia”.

O evento do vindeiro 21 de xuño é, ademais, un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.

O CiTIUS lidera proxectos europeos e cátedras universidade-empresa

O CiTIUS participa en nove proxectos europeos, liderando algúns tan importantes como HYBRIDS, unha iniciativa paneuropea para a detección de desinformación, discursos de odio e noticias falsas en Internet; NL4XAI, un proxecto que proporciona as máquinas tecnoloxías de linguaxe natural para que poidan explicar o fundamento das súas decisións; e MENELAOS_NT, un consorcio internacional que busca aplicar tecnoloxías intelixentes para integrar de xeito óptimo datos de sensores de diferentes tipos, tanto a nivel macro como microscópico, co obxectivo de explorar o medio ambiente de maneira multimodal. 

Ademais, é o único centro de investigación en España que lidera dúas cátedras universidade-empresa concedidas polo Estado no presente ano: CAMELIA, un proxecto en colaboración coa empresa Plexus Tech, centrado no ámbito da intelixencia artificial aplicada á medicina personalizada de precisión; e a Cátedra Chip Televés-USC, enfocada no campo do deseño microelectrónico. 

Tamén lidera, conxuntamente co Instituto da Lingua Galega (ILG), o Proxecto Nós, que ten como obxectivo desenvolver os recursos tecnolóxicos que sitúen ao galego na sociedade e na economía da intelixencia artificial, como acontece xa con desenvolvementos como o primeiro tradutor neuronal libre ao galego a partir do castelán, inglés, catalán e éuscaro. Ademais, Nós forma parte do Proxecto ILENIA, financiado polo PERTE Nova economía da lingua, para impulsar de xeito cooperativo as tecnoloxías lingüísticas nas linguas do Estado, e da estratexia española para o desenvolvemento de modelos fundacionais, que hoxe son a vangarda da IA.