Santiago

O Club Financeiro de Santiago recoñece a Limpezas Salgado co premio á excelencia empresarial

A entidade destaca “a traxectoria dunha empresa líder no seu sector, sendo un exemplo de crecemento continuado”

A sociedade galardoada conta con tres décadas de historia e supera os 600 empregados

O director de Limpezas Salgado recolleu o premio de man do presidente da Xunta e do presidente do Club Financeiro de Santiago

O director de Limpezas Salgado recolleu o premio de man do presidente da Xunta e do presidente do Club Financeiro de Santiago / Jesús Prieto

O Club Financeiro de Santiago recoñeceu a Limpezas Salgado co premio á Excelencia Empresarial, un galardón que outorga esta organización e que este ano acadou a súa undécima edición. O director xeral da sociedade homenaxeada, Ramón Salgado, foi o encargado de recoller este luns o premio nun evento celebrado no Hotel Monumento San Francisco. Ao acto acudiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e numerosas personalidades políticas, empresariais e sociais.

O presidente do Club Financiero de Santiago, Roberto Pereira, salientou na súa intervención que este ano o premio recae en Limpezas Salgado “para recoñecer a traxectoria dunha empresa líder no seu sector, sendo ademais un exemplo de crecemento continuado, ambicioso pero con criterio”.

Pereira quixo poñer en valor tamén “a madurez dun premio que recoñece a traxectoria empresarial dun dos nosos accionistas, destacando de xeito especial un conxunto de virtudes, que van dende a súa calidade humana, pasando polo impacto económico na nosa comunidade, acadando a excelencia empresarial, como reza o nome do galardón”. Así mesmo, amosouse orgulloso “de chegar á undécima edición deste premio, que se converte nunha referencia para o mundo empresarial”.

Crecemento nos últimos anos

Ademais, Pereira enumerou algún dos méritos polos que Limpezas Salgado recibe este recoñecemento. “Trátase dunha empresa familiar con máis de tres décadas de historia, que nos últimos anos medrou dun xeito considerable ata contar cun cadro de persoal que supera as 600 persoas, 600 homes e mulleres adicados a unha tarefa importante e fundamental, os coidados”, remarcou.

O director do Club Finaceiro tamén se refiriu a Ramón Salgado, director da compañía e un dos responsables principais da súa evolución, indicando que “a altura dun empresario non se ve só nos datos de facturación ou no número de empregados, vese, sobre todo, nas respostas que a empresa pode dar á sociedade. E Limpezas Salgado é un exemplo disto xa que está atendendo novas demandas e facéndoo con dilixencia, rapidez e profesionalidade”.

Roberto Pereira enxalzou o papel da empresa homenaxeada nos momentos da pandemia, “cando se converteron nos garantes dunha protección que necesitábamos como sociedade, case nunha promesa daquela seguridade coa que non contábamos naqueles intres. As persoas que forman a empresa, o seu capital máis preciado, estiveron aí para darnos esa tranquilidade. E fixérono con xenerosidade e valentía”.

Pola súa banda, Ramón Salgado explicou que “nós na nosa empresa non nos xogamos a vida en aventuras extremas, pero podo dicir que estou moi orgulloso do equipazo de boas persoas que forman parte de Limpezas Salgado”. O director xeral da entidade premiada engadiu que “compartimos uns valores que se basean en dúas R maiúsculas e unha S: unha é a R do respecto, aos traballadores, aoas clientes, aos proveedores, á empresa; e a outra R é a da responsabilidade. A S é a da seriedade no cumprimento dos compromisos e no desempeño no día a día”.

Implicación social

A alcaldesa de Santiago, o delegado do Goberno, o presidente do Club Financeiro, o director xeral de Limpezas Salgado e o presidente da Xunta no acto de entraga do premio á Excelencia empresarial

A alcaldesa de Santiago, o delegado do Goberno, o presidente do Club Financeiro, o director xeral de Limpezas Salgado e o presidente da Xunta no acto de entraga do premio á Excelencia empresarial / Jesús Prieto

A alcaldesa Goretti Sanmartín fixo unha mención especial á implicación de Limpezas Salgado no apartado que comunmente se denomina “responsabilidade social corporativa”, poñendo o foco sobre aspectos como o patrocinio deportivo, o uso continuado do galego que lle valeu para obter o Premio Manuel Beiras na última edición ou a inclusión laboral de persoas con discapacidade, “ao contribuír activamente a camiñar cara a unha sociedade máis igualitaria e máis xusta, que é un dos grandes ideais polos que traballamos desde diferentes eidos”.

“Esta cita é unha das imprescindíbeis para visibilizar referentes no camiño da excelencia empresarial”, indicou a rexedora. “Sabemos que non é doado acadar esta excelencia, mais exemplos como o de Limpezas Salgado amósannos que non se trata dunha idealización nin dunha utopía, pois compatibilizar a rendibilidade económica, ambiental e social é posible e, por iso, é de xustiza recoñecer e agradecer a altura de miras e o compromiso que implican”, explicou. Así, felicitou a Limpezas Salgado por esta traxectoria e ao Club Financeiro de Santiago pola labor de recoñecemento e visibilización das iniciativas que se sitúan “na vangarda da excelencia”.

Elixida por unanimidade

Limpezas Salgado foi elixida unanimemente polo xurado, formado polos membros do consello de administración do Club Financiero de Santiago, como premiada no XI Premio á Excelencia Empresarial. A entidade que outorga este galardón naceu no 2010 co propósito de velar polos intereses do empresariado compostelán e galego. Na actualidade está sustentada por máis dun centenar de accionistas e afirma que traballa diariamente “para ser un referente, un lugar de encontro e unha voz crítica”.

Dende a organización apuntan que o Premio á Excelencia Empresarial “consolídase como un referente para recoñecer as boas prácticas corporativas das entidades que conforman o tecido empresarial galego e da cidade”, moitas das cales forman parte do accionariado do Club Financeiro.