Obradoiros e un concerto sorpresa das Tanxugueiras animaron a III Feira Gastronómica en Galicia Sen Glute

O evento, que contou con case 650 persoas, incluíu máis dunha vintena de postos de distinta comida apta para persoas celíacas

Tanxugueiras ofreceron un concerto sorpresa como peche da feira gastronómica

Tanxugueiras ofreceron un concerto sorpresa como peche da feira gastronómica / ACEGA

L.R.

Preto de 650 personas participaron este domingo na terceira edición da Feira Gastronómica en Galicia Sen Glute, totalmente apta para celíacos/as. O evento, organizado pola Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) tivo lugar no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago.

A feira contou cunha zona gastronómica onde se ofertou un menú degustación para todos os asistentes, con ricas elaboracións por parte de locais asesorados por ACEGA, tanto para nenos/as como para adultos/as. O menú adulto estivo basado en croquetas, polo kentucky, arepa de polo e queixo e arroz con zorza e ovo, finalizando con filloa de Lestedo doce e cremoso de requeixo de As Neves, mentres que o menú infantil foron croquetas, polo kentucky, arroz con zorza e ovo e como postre filloa de Lestedo.

Ademáis da zona de stands e gastronómica, onde o público asistente puido desfrutar de produtos 100% sen glute e un menú totalmente apto, ao longo do día houbo animación con DJ infantil para os máis pequenos, obradoiros de maquillaxe, debuxo, chapas e pulseiras, un zancudo, patinadoras, emocións, sorteos. O evento finalizou con un gran concerto sorpresa da man das artistas de Tanxugueiras.

O grupo galego, en palabras de ACEGA, “demostrou unha vez máis o seu compromiso social”, e en este caso co colectivo de persoas celíacas. Ofreceron un concerto acústico, nun formato íntimo e con moito sentimento, que agradou e sorprendeu a grandes e pequenos.

Con máis de 22 postos que representan á industria alimentaria galega elaboradora de productos sen glute, a feira logra consolidar a súa existencia. Coa colaboración de patrocinadores como a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Mercadona, Gadis, e Orona, o evento convírtese en referente do sector por ser a única feira 100 % sen glute de Galicia, desexando dar a coñecer un sector que está en auge e polo que se está a apostar en prol da inclusión dos menús sen glute nos diferentes ámbitos da vida social.

Máis de 2.000 asociados en ACEGA

A Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), como unha entidade sen ánimo de lucro, agrupa con carácter voluntario a celíacos/as, os seus familiares e a todos aqueles enfermos cuxo tratamento esixa manter unha dieta sen glute, a fin de tratar as solucións máis idóneas aos problemas de tipo social, psicolóxico e técnico que poden presentarse como consecuencia da súa condición. Conta con máis de 2.000 asociados en toda Galicia.

Ofrecen varios servizos, tanto aos socios coma á sociedade en xeral, sendo algúns deles a información e asesoramento ao celíaco recentemente diagnosticado, a publicación anual dunha Lista de Alimentos e a aplicación móbil, actividades de convivencia e encontros entre asociados, desenrolo do programa Restauración En Galicia Sen Glute, actividades de difusión, información e concienciación á poboación xeral e a colectivos de interese, tales como sanitario ou restauración, entre outros.