Acampada propalestina en Historia: catro puntos que definen a posición da USC

Membros do equipo de goberno da institución compostelá trasladaron hoxe a tres representantes do colectivo recluído na facultade a súa intención de seguir dialogando coa comunidade palestina en Galicia

A Asamblea ofrecerá este venres unha rolda de prensa para mostrar as reaccións do encontro

A acampada a favor de Palestina na Facultade de Historia da USC arrancou o pasado 14 de maio

A acampada a favor de Palestina na Facultade de Historia da USC arrancou o pasado 14 de maio / Antonio Hernández

Responsables da Asemblea aberta por Palestina solicitaran este luns un encontro co reitor da USC, Antonio López, co fin de coñecer a posición da institución sobre a acampada a favor do pobo palestino nos corredores e e parte das aulas de dous pisos da facultade de Xeografía e Historia. Hoxe, o xerente, Javier Ferreira, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar González Murias e o xefe do gabinete do reitor, Carlos Toural reuníronse con tres persoas da Asemblea para indicarlle que o vindeiro luns 10 de xuño incluirase un punto na orde do día do Consello de Goberno para tratar o posicionamento institucional en relación á situación do territorio palestino. Tamén se tratou, segundo informan dende a USC, a vontade de colaboración por parte da Asemblea nas cuestións técnicas que teñen que ver coa seguridade do edificio marcadas por Prevención de Riscos e Vixiancia da Saúde. Ao respecto dende a Asemblea recordan a EL CORREO que "dende o primeiro momento ao decano preocupáballe o tema da seguridade". Deste xeito o que se tratou no encontro foi "ver o que nós podemos facer para que non haxa riscos, pero tendo en conta que o problema parte dos danos estruturais do edificio". 

Por outra banda, os representantes do equipo de goberno informaron tamén da intención da institución de crear "un espazo de diálogo permanente" coa representación da comunidade palestina en Galicia a través da Asociación Galaico Árabe Jenin. A maiores, agardan continuar traballando no desenvolvemento do seu posicionamento manifestado o pasado día 22 de maio "a través de accións específicas" dialogando sempre coa comunidade palestina en Galicia, así como coa comunidade universitaria dese territorio.

Os membros do equipo de goberno valoraron "moi positivamente" a identificación de portavoces por parte do colectivo que acampa na Facultade, así como "o seu ton dialogante".

A Asamblea dará este venres unha rolda de prensa a partir das 09.00h horas para dar a coñecer unha valoración máis detallada do encontro e posibles novas accións. Reiteran unha vez máis que "estamos abertos ao diálogo". Polo momento seguirán acampados na facultade de Xeografía e Historia.