INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA

A USC descobre como recuperar o fósforo das augas residuais e darlle unha segunda vida na agricultura

A investigación do Cretus recibe o premio Fernando Calvet Prats que conceden a Real Academia de Ciencias e a Xunta de Galicia 

Dúas depuradoras de Tui e Cádiz, da empresa Aqualia, xa contan con plantas para aproveitar este material

Os investigadores do Cretus premiados, Manuel Garrido e Dafne Crutichik

Os investigadores do Cretus premiados, Manuel Garrido e Dafne Crutichik / Cedida

N. S.

Un dos compoñentes dos fertilizantes usados na agricultura é a rocha fosfática. A Unión Europea só produce un 1% deste material polo que o 99% ten que importalo. Pero científicos da Universidade de Santiago (USC) acaban de descubrir como reducir esta dependencia grazas á reciclaxe. O Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus) foi capaz de extraer fósforo das augas residuais. A investigación valeulle o premio ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Xunta.

O equipo da USC que coordina Juan Manuel Garrido, e no que tamén participou a profesora da Universidade Adolfo Ibáñez de Santiago de Chile Dafne Crutchik, desenvolveu un procedemento para a recuperación de fósforo en augas residuais. “A lexislación obriga a eliminalo nas estacións depuradoras —explica Garrido— pero é posible recuperalo e reutilizalo como substancia útil. Dentro dos compoñentes do fósforo destaca a estruvita, con elevado poder fertilizante para a agricultura”.

Segundo os datos achegados polos investigadores, a UE só produce o 1% de rocha fosfática, un recurso non renovable extraído de explotacións mineiras e considerado estratéxico, tendo que importar unha boa parte do fosfato que se utiliza para a produción de fertilizantes en agricultura, aditivos para alimentación animal ou produtos químicos. “Un 86% deste recurso emprégase para a fabricación de fertilizantes para a agricultura. Por este motivo a recuperación de estruvita das estacións depuradoras de auga (EDAR) axudaría a reducir a dependencia da UE de recursos externos, aumentando a circularidade do proceso de depuración” destaca o investigador.

Tecnoloxía de grande potencial

Esta novidosa tecnoloxía, protexida por unha patente española e outra europea, transferiuse á empresa española Aqualia, a cuarta en Europa e novena no mundo do sector da auga. A compañía, que xestiona diversas depuradoras en todo o país, implantou esta tecnoloxía na EDAR de Guillarei (Tui, Pontevedra) e na de Jerez de la Frontera (Cádiz), onde se puxeron en marcha plantas de recuperación de fosfatos. O responsable da Delegación Norte de Aqualia, José Ramón Vázquez, sinala que “esta é unha tecnoloxía con moito potencial, tendo en conta ademais que moitos países xa obrigan a recuperar o fósforo das augas residuais e que a UE permite comercializar a estruvita. Solucionamos un problema nas depuradoras, melloramos a calidade da auga e desenvolvemos un produto de grande utilidade para o campo”.

Explica que para fomentar a precipitación de estruvita úsase un subproduto de baixo custo producido en Galicia pola empresa Magnesitas de Rubián (O Incio, Lugo). “Isto permite reducir notablemente os custos asociados ao uso de reactivos químicos para a precipitación de estruvita, tendo en conta que en España só hai dous produtores de óxidos de magnesio de calidade industrial e moi poucos na UE”, manifesta.

Premios á Transferencia

Nesta décima edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024 recibíronse un total de 30 propostas para as dúas categorías do certame, a que gañou a USC e o premio ‘Francisco Guitián Ojea’ para un traballo de investigación aplicada da UDC de desenvolvemento de novos materiais e tecnoloxías en estado sólido para sistemas de refrixeración e calefacción máis seguros, eficientes e sostibles. É un proxecto de investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, liderados por María Antonia Señarís. 

Tal como destaca o equipo da UDC, “a evidente aceleración do cambio climático e a crise enerxética actual urxen a descarbonización de sectores coma o da calefacción, refrixeración, ventilación e aire acondicionado”. Os sistemas de refrixeración comercial máis estendidos baséanse na compresión de vapor de gases refrixerantes, na súa maioría compostos fluorados con potenciais de quecemento global moi grandes. Os investigadores explican que “neste contexto, cobra moito interese o desenvolvemento de novos sistemas que empreguen refrixerantes sólidos en vez de fluídos, que non poden escapar á atmosfera e, por tanto, eliminan as emisións directas de gases de efecto invernadoiro”. Algúns destes materiais desenvoltos polo equipo xa están protexidos por unha patente.

Os dous traballos distinguidos pola Real Academia de Ciencias e a Xunta recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 19 de xuño, ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.