Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Casa da Xuventude, os lectores opinan: apoio masivo a derrubala

Un 85 % a favor da destrución // Entre as opcións para reconverter o espazo, gaña por goleada a apertura dun acceso ao parque de Belvís

Prefires que sexa derrubada ou que se conserve? Esta foi a pregunta principal lanzada aos lectores de EL CORREO sobre o futuro da Casa da Xuventude, un espazo que segue a xerar polémica cada certo tempo. Despois da petición iniciada por un veciño do Matadoiro, asinada xa por máis de 300 persoas, e da opinión a pé de rúa dos veciños, os lectores tamén son partidarios da vía rápida. Tamén os seguidores das redes sociais apoian maioritariamente esta opción.

Entre os máis de trescentos participantes nunha enquisa realizada a través de elcorreogallego.es, case o 85 % do total decantáronse pola opción de derrubar este espazo, ao que se suma un 5 % que ten as súas reservas, fronte ao resto partidario de conservar a famosa casa rosa. Cabe destacar que entre os participantes, dos que máis do 60 % foron homes, predomina o grupo de idade entre os 19 e os 45 anos. Un dato que reflicte que tamén hai partidarios de derrubar a Casa entre a poboación moza. Outra das respostas na que hai un amplo consenso é na cuestión relacionada coa estética do edificio, a cal non convence a un 96 % dos que responderon. A pintura do edificio está desgastada polo efecto do tempo e polo clima, e que a fachada precisaría dalgúns arranxos para os desperfectos que presenta.

A idea de que o edificio da Casa da Xuventude quede reducido a escombros non é nova. O último representante político en solicitar que se tire abaixo foi o presidente dos populares composteláns, Borja Vera, mais antes del houbo outros partidarios. En 2011, a corporación municipal votou en pleno a proposta para conectar o parque de Belvís coa Porta do Camiño mediante o derrubo do edificio que alberga a Casa da Xuventude. A proposición fora posta sobre a mesa polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego e aprobada por unanimidade polos tres grupos, incluído o PSOE, actual partido de goberno. Nese momento, o alcalde da cidade era Xerardo Conde Roa, quen en declaracións a EL CORREO se mostraba totalmente convencido de cal sería a saída para o edificio: “Se va a tirar. Eso requiere la elaboración de un proyecto, necesitamos tiempo, porque aún acabamos de aterrizar en el Ayuntamiento, pero se va a tirar”. Posteriormente, o seguinte alcalde, Ángel Currás, cualificou de horrendo o edificio e aproveitou en 2014 o traspaso das actividades á sede de Xuventude na rúa Ramón Piñeiro para falar de novo da idea de abrir un paso e un miradoiro ao parque. De novo, todo quedou estancado.

ACCESO A BELVÍS, TELEFÉRICO OU CENTRO SOCIAL. Tras os sucesivos proxectos para abrir o acceso a Belvís, as persoas que responderon á enquisa deste xornal e que se mostraron partidarias de derrubar a Casa inclináronse por reconverter o espazo nun acceso ao parque. Neste sentido, hai máis dun centenar de respostas enfocadas a este uso. Tamén hai unha vintena de persoas que, sen mencionar o parque, se mostran partidarias de ter nese lugar unha nova zona verde con hortas urbanas. Outras das respostas máis repetidas é tamén unha vella coñecida: aproveitar o terreo para a instalación dun teleférico. Precisamente, os últimos en recordar esta posibilidade foron os representantes socialistas, en 2014 e da man do seu entón portavoz, Paco Reyes. Unha idea que se orixinou nun proxecto presentado en 2010 pola Xunta para conectar a Cidade da Cultura co resto da capital galega vía teleférico, coa predisposición de Raxoi de ceder o terreo que agora ocupa o vello edificio de Xuventude.

O resto de propostas sobre o uso do espazo que quedaría libre se a Casa se tira abaixo son máis diversas e confrontan de certa forma con instalacións similares xa existentes na cidade. Así, son varios os que construirían un centro de maiores, se ben a uns metros se pode atopar a residencia Porta do Camiño. Outras das propostas pasan por un albergue para os peregrinos -dos que a cidade conta con oferta suficiente- ou bibliotecas -unha proposta moi repetida malia ser esa unha zona na que se atopan moi preto as bibliotecas universitarias así como outras como a Ánxel Casal-. Os partidarios desta vía xustifícanse en que as actuais bibliotecas acostuman a estar colapsadas. Un centro de acollida para persoas sen teito, unha gardería ou un centro de acollida de animais son outras das propostas.

REVITALIZAR O EDIFICIO ACTUAL. Do 10 % de participantes que se mostraron partidarios de conservar o edificio, destacan os que aproveitarían o espazo para uso veciñal e social máis alá do aproveitamento exclusivo pola xuventude ou pola infancia: “Espazo sociocultural con obradoiros, salas de ensaio e de exposicións. Santiago debería ter un lugar onde crear de maneira conxunta e formar sinerxias entre as persoas, aínda que os eidos nos que se traballe sexan diferentes. En definitiva, un lugar de encontro onde se facilite un nexo entre os diferentes traballos da xente. Un achegamento á cidadanía do valor cultural dos veciños da cidade”, pide unha das persoas que respondeu á enquisa. Así, para revitalizar o edificio converteríano en sede de asociacións veciñais da zona, nun espazo de coworking ou nun centro turístico. Chama neste sentido a proposta de instalar nel a nova sede do Imelga, que tanta polémica está levantando nas últimas semanas ante o proxecto de construción en Fontiñas.

07 abr 2021 / 12:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito