Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os populares demandan transparencia sobre a contratación da nave de Desproi

Borja Verea considera imperativo coñecer “se houbo ou non enriquecemento persoal” e por que Mila Castro “propuxo esta instalación sen concurso público”

Borja Verea, candidato á alcaldía de Santiago polo Partido Popular, esixiulle na mañá de onte desde Fitur ao alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, que aclare “de maneira inmediata” todas as incógnitas que aínda existen sobre o aluguer dun inmoble a membros do seu grupo por parte do ex concelleiro de Medio Rural, Xosé Manuel Pichel. Para o popular, estas actuacións lembran a “anteriores gobernos socialistas de Santiago”, que se caracterizaban polo seu “escurantismo e o clientelismo”.

Verea destacou que “mentres o Partido Popular está a preparar o Santiago do século XXI, cun programa de goberno serio e de futuro, o PSOE de Bugallo está a perder o tempo para favorecer aos amigos” e, o que considera peor, “a facer que a capital de Galicia continúe a perder oportunidades de crecemento e modernización”, asegura.

Para o popular hai dúas preguntas que seguen sen ter resposta e que apuntan directamente ao alcalde.
A primeira é se houbo
ou non enriquecemento persoal; “xa que hai que saber que valor tiñan
as participacións de Pichel en Desproi S.L. cando se desfixo delas, se o fixo, e
a quen lle foron outorgadas e por canto. A segun-da pregunta que aín-
da non ten aclaración
é por que a Concellería
de Parques e Xardíns, da que é titular a concelleira Mila Castro, propuxo esta instalación sen concurso público, quen llo indicou, quen as validou, e se non había outras oficinas en toda a cidade”, incidiu.

Por outra banda, insistiu Verea, tamén é necesario aclarar “que vai pasar con este contrato, que ata o de agora xa encheu os petos dos amigos do Goberno socialista, pero que segue en vigor”, polo que a cantidade “recadada” neste momento, que chega a máis de 90.000 euros, verase multiplicada co paso dos meses, isto tamén debe ser explicado polo alcalde socialista.

Así, mentres o goberno local segue a funcionar con “políticas do século pasado, nós seguimos traballando para darlle aos composteláns a cidade que merecen e necesitan, ofrecendo propostas que faciliten a vida diaria da cidadanía”, sinalou Verea.

Neste senso, concluíu o candidato á alcaldía, “proxectamos unha cidade deportiva ou a eliminación dos coches no Campus Sur, e paralelamente, o actual goberno, un goberno fallido, continúa desfacéndose e a deixar a Santiago fóra de xogo”.

RESPOSTA
Guinarte afea as críticas

O voceiro do goberno local, Sindo Guinarte, elevou o ton ante as críticas dunha oposición que “só busca facer sangue” e que “semella padecer algún tipo de amnesia temporal”.

Recordou Guinarte que a candidata á alcaldía por Compostela Aberta, María Rozas, propuxo o alugueiro dun local por 8 anos, sito no número 37 da rúa Corredoira das Fraguas “que lle custa ao Concello 853 euros mensuais”: “María Rozas comprometeu máis de oitenta mil euros no alugueiro dun local, por oito anos, sen concorrencia competitiva de ningún tipo” explicou. Serán, concretamente, 81.932 euros os que o Concello terá abonado ao remate dos 8 anos nos que a edil de CA fixou a duración do contrato.

Insistiu en que o equipo de goberno non ten nada que ocultar e “seguiremos sendo completamente transparentes como o fomos desde o primeiro momento” e en que “a única cuestión que se lle pode achacar á formalización deste contrato “foi o erro de Pichel” ao non informar “de que tivera unha vinculación accionarial coa empresa propietaria”.

María Rozas esixe “a tramitación dun expediente que está cheo de sombras”

Pola súa banda, Compostela Aberta tamén solicitou ao goberno local que actúe “coa transparencia que faltou ata o de agora” e faga público o informe da Secretaría Xeral do Pleno ao que aludiu José Manuel Pichel cando anunciou a súa dimisión, así coma os resultados da análise xurídica que, segundo se ven sinalando, estase a realizar do expediente da contratación do alugueiro do inmoble á empresa Desproi, vinculada ao xa exconcelleiro.

María Rozas reiterou que “quedan moitas explicacións por dar sobre este caso, e non só relacionadas coa actuación do edil”. Ademais, incidiu en que “non se pode pechar este asunto falando dun simple erro do exconcelleiro, porque non é un simple erro destinar cartos públicos a contratar a unha empresa coa que tés un claro vínculo, e a través dun expediente no que interviron máis persoas e que está cheo de irregularidades”. En consecuencia, afirmou, CA levará ao Pleno da próxima semana unha interpelación, “para que o goberno aclare, xa non só o proceder de Pichel, senón a tramitación dun expediente que está cheo de sombras”.

Así, a concelleira cuestionou que Raxoi siga referíndose “á urxencia de buscar unha localización alternativa para os departamentos de Medio Rural e Parques e Xardíns, cando a Xunta xa anunciara a demolición da estación de autobuses en xaneiro de 2021, con oito meses de antelación ao inicio do derrubo”. Para a concelleira, “o equipo de Bugallo debe aclarar por que non se iniciou a procura dunha solución ata o propio mes de setembro, ata 12 días antes do prazo máximo fixado pola Xunta para que eses servizos municipais abandonaran a vella estación”.

Para CA, tamén urxe unha explicación ao feito de que se visitara a nave de Desproi antes de facer o informe de necesidades no que se definiron as características que debía ter o inmoble a alugar para Medio Rural e Parques e Xardíns; o cal, incidiu Rozas, “equivale a solicitarlle o curriculum a unha persoa que opta a un posto, para despois elaborar as bases dunha oposición acaídas para ese curriculum”.

Por último, a voceira urxiu a Raxoi a explicar “como vai actuar a partir de agora, se lle vai seguir pagando un alugueiro de 5.000 euros mensuais á empresa Desproi e cando vai procurar unha solución para as dependencias municipais de Medio Rural e Parques e Xardíns”.

21 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito