Os restos de García-Bodaño descansan en Boisaca a carón doutros galegos ilustres

As cinsas do “poeta de Compostela” recibiron sepultura na tarde deste venres nunha cerimonia íntima na que se leron algúns dos versos que dedicou a esta cidade

A viúva de Salvador García-Bodaño coas súas cinsas / JESUS PRIETO

A viúva de Salvador García-Bodaño coas súas cinsas / JESUS PRIETO / Valeria Pereiras

Valeria Pereiras

Nunha tarde desapracible, de vento e baixo unha chuvia maina tipicamente compostelá, medio cento de persoas quixeron acompañar a viúva, a Xulia dos seus poemas de amor, no último adeus ao intelectual Salvador García-Bodaño.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a primeira tentente de alcalde, Mercedes Rosón; as concelleiras de Compostela Aberta, Branca Novoneyra, e do BNG, Goretti Sanmartín; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, ou o exalcalde do PPdeG e actual presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, entre outros, asistiron ao soterramento do escritor, membro de número da RAG e presidente de honra do Ateneo de Santiago.

Figura destacada da xeración das Festas Minervais xunto a nomes como Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Manuel María, Bernardino Graña, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Arcadio López Casanova e Xosé Luís Franco Grande, García-Bodaño falecía este martes en Teo aos 97 anos de idade.

“No libro da vida van as follas anónimas / pasando sobre do atril / das lousas / sin que un se dea conta. / E as lembranzas mesmo como as ondas / xurden soltas / dende o fondo de nós / e todas / fan un mar que se alonxa…”, escribiu en Tempo de Compostela (1979), cidade á que veu vivir desde Vigo con apenas un ano de idade e que converteu no pano de fondo de moitas das súas obras.

Ademais de na poesía, Compostela foi tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, o conxunto de relatos Os misterios de Monsieur D’Allier (Galaxia, 1992), Premio da Crítica Española de narración en lingua galega (1993).

“É de xustiza que García-Bodaño repouse aquí”, afirmou Sánchez Bugallo indicando a ubicación da súa sepultura a carón dalgúns dos máis célebres representantes das nosas letras como Valle-Inclán, Aurelio Aguirre, Isaac Díaz Pardo, Antón Fraguas e Carvalho Calero. A lápida de granito definitiva de García-Bodaño estará rematada nun par de semanas.

Branca Novoneyra e a cuñada do escritor deron lectura a algúns dos seus versos nun acto íntimo no que a viúva introduciu as cinsas na tumba xunto cunha rosa “avermellada / Polas follas do aire ata min chega”.

O académico foi un destacado animador de proxectos culturais dende a mocidade e comprometeuse politicamente a prol da democracia dende os anos do franquismo. Participou nos últimos faladoiros literarios do desaparecido café Español, estableceu amizade coa mocidade que pulaba pola defensa dos valores culturais e históricos de Galicia e foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo (1961), pioneira durante a ditadura de todas cantas en Galicia se dedicarían despois a reivindicar a lingua e a cultura galegas.

Nos primeiros anos 60 formou ademais parte do Consello da Mocedade e do núcleo promotor na clandestinidade do Partido Socialista Galego (1963), do que foi secretario de información e propaganda.

Entre as imaxes para a historia das letras contemporáneas galegas queda a fotografía que protagonizou na celebración do primeiro Día das Letras Galegas canda Xohana Torres, Arcadio López-Casanova e Carlos Casares. Os catro amigos que participaron no recital da homenaxe a Rosalía de Castro confirmaríanse co tempo como figuras senlleiras da literatura galega e chegarían a ser membros da RAG.

En 1980 foi cofundador da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega. Formou parte do novo Seminario de Estudios Galegos, foi patrón-fundador do Museo do Pobo Galego e cofundador do PEN Clube de Galicia ou da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG)d

A súa traxectoria foi recoñecida con premios como o da Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988) ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2012).