Sheila, adoptada con 17 anos: “Todavía estoy aprendiendo a ser hija”

Os nenos aos que ninguén quere adoptar agardan a familia axeitada

Nove pequenos de máis de 8 anos ou con algunha dificultade física, psíquica ou sensorial seguen á espera dun fogar en Galicia

Este ano aínda non se adoptou ningún neno destas características

Segundo a Fundación Meniños, na comunidade conseguen integrarse unha media de cinco rapaces destas características cada ano

Dúas nenas len no campo

Dúas nenas len no campo / Pexels

Os nove nenos e nenas que están á espera dunha familia galega teñen nome e apelidos, aínda que este xornal non ten acceso as súas identidades por motivos de protección do menor. Algúns deles aínda son uns cativos de 8 anos pero outros probablemente xa sexan uns adolescentes de 16 ou 17 que viven atemorizados ao sentir tan preto a maioría de idade. Porque para un mozo que ten a sorte de nacer nunha familia corrente cumprir os 18 é sinónimo de ledicia, pero para aqueles que viven nun centro de protección ou nun piso familiar significa que se achega unha etapa máis complicada se cabe, e a súa cabeza comeza a facer cálculos para escoller cal será o seguinte paso a dar, que sempre pasa por intentar ser o máis autónomo posible. Cuestión de superviviencia. “Cando un neno cumpre os 18 nun centro de protección hai que dicir que non vai esperarlle nada sinxelo. Existen programas para axudar aos mozos vulnerables a integrarse na vida adulta, tamén hai pisos tutelados, pero o problema é que hai moitos mozos e mozas e poucas prazas. Entran os que teñen sorte. Moitos incluso acaban volvendo á familia de orixe, con todo o que iso implica”, explica Olalla Castiñeiras, coordinadora do programa de adopcións especiais da Fundación Meniños, oenegué que traballa polos dereitos da infancia e a adolescencia en colaboración coa Consellería de Política Social.

Segundo datos de Meniños e da Xunta, na comunidade integráronse dende que naceu o programa de adopcións especiais en 2015 unha media de cinco nenos por ano. Con todo, neste 2023 aínda non se formalizou ningunha adopción, polo que dende a oenegué quixeron arrancar unha campaña para facer visibles a todos estes pequenos e adolescentes que están á espera dunha familia que se adapte ás súas necesidades. “Este ano non levamos ningunha integración porque non houbo derivacións novas. Algúns dos mozos levan agardando nunha familia de acollida ou nun centro de protección dende o 2015. Temos nenos moi maiores con problemas moi graves e nenos con autismo. Precisamente os que teñen autismo ou sofren parálise cerebral son os que máis difícil teñen atopar unha familia. Hai algúns que están aí de sempre, pero con toda a dor do meu corazón sei que non van atopar un fogar... chega unha idade na que é moi díficil”, lamenta Olalla.

Derivacións

As derivacións ao programa veñen dadas por distintos motivos. “Ás veces derivan aos nenos á especial porque teñen unha discapacidade moi grande, cunhas porcentaxes de minusvalía enormes. Pero hai que deixar claro que é un programa diverso e hai moitas realidades dentro. Hai grupos de irmáns e nenos maiores de 8 anos, hai outros rapaces con trastornos de apego, retrasos no desenvolvemento que veñen dados polo trauma temperán e a súa historia de vida. Son nenos que se acaban recuperando, pero é certo que é un perfil de mozos que requiren de máis esforzo por parte dos pais para lograr que se adapten. Hai familias que o aceptan, que se ven capaces e seguen adiante, pero non todo o mundo pode ou está disposto”, sentencia.

Cumprir os 18

Cando un neno cumpre a maioría de idade nun piso familiar ou centro de protección, existen recursos como o programa mentor para axudar a mozos vulnerables a integrarse na vida adulta. Outro recurso son os pisos tutelados e hai itinerarios para estudar “pero existen infinitamente menos prazas que nenos”, di Olalla. “Doe pensalo porque seguramente moitos acaben volvendo coa familia de orixe sexa como sexa porque é a que ten. Teñen unha espada de Damocles na cabeza, chegan a unha idade e saben o que hai. Hai mil posibilidades pero ningunha é doada”.

Formación

Meniños encárgase de formar a moitas familias que se atopan en proceso de adoptar un neno, sen necesidade de que acaben adoptando a un dos pequenos ou adolescentes do programa de especiais. “O único requisito é ter entregada a solicitude de adopción no rexistro. É unha formación que vai polo miúdo e pretende afondar na inicial. Dáse a demanda”, di. Unha vez que xa viven co neno hai tamén un seguimento. “É o forte do noso programa. É imprescindible que teñan un apoio, facemos visitas a domicilio, atendemos ás familias por teléfono, ás veces imos aos colexios... De feito incluso hai xente que pide volver facer a formación unha vez chega o neno. Son dous anos obrigatorios e logo poden quedar máis tempo e o certo é que ninguén se dá de baixa”, di. “Por exemplo hai pouco chamounos unha familia que facía tempo que non contactaba con nós porque o fillo acaba de entrar na adolescencia”, conta. Agora ademais acaban de sacar unha guía útil para familias que adopten e que está dispoñible en formato online. “A idea é formalizar un pouco o goteo informativo que se brinda á hora de adoptar”. Nela ademais recóllese información sobre as principais entidades sociais que traballan en diversos eidos que teñen que ver con familia e necesidades especiais.

Segundo datos da Consellería de Política Social, en Galicia o número de familias que adopta acadou no 2022 a cifra máis alta dos últimos 6 anos (a cantidade de solicitudes de adopción nacional ou internacional foron 183). Con todo, as cifras están moi lonxe das que se rexistraban hai unha década.

Este ano son nove os nenos e adolescentes que buscan fogar e que se atopan protexidos polo programa de adopcións especiais de Meniños agardando por unha sorte que parece que non chega... Ás veces hai que arriscar, non buscar un perfil marcado e formar unha familia con alguén que o desexa máis ca nada.

Sheila, adoptada con 17 anos: “Todavía estoy aprendiendo a ser hija”

Sheila é unha moza de Pontevedra, de 23 anos, que vive feliz coas súas nais, pero que ata os 17 estivo nun piso de familia con outros nenos, tutelada por educadores. “Con 12 años entré en el piso de familia y con 14 acepté formar parte de un programa de adopciones en Vigo. Al ver que nadie se interesaba por mí, decidí unirme al programa de adopciones especiales”, conta. Pero Sheila cumpriu os 17 anos sen sinais de que unha familia a quixese adoptar. “Yo ya me estaba preparando para vivir en un piso mentor, donde te forman para ir cogiendo autonomía, o para pedir una prórroga en el piso de familia en el que estaba. Ya me decían que a mi edad era casi imposible que me adoptaran. Pero un día me llaman de Meniños y me anuncian que ha aparecido una familia. Fue un shock para mí, no daba crédito, porque yo jamás había sentido el cariño familiar, el único apoyo que tenía cuando me pasaba algo era yo misma”.

A pesar de que Sheila estaba deseando saír do piso de familia “porque no todo era color de rosa, no teníamos móvil y teníamos horarios muy marcados” e de que ansiaba con todas as súas forzas que alguén a acollese, sentiu pena por deixar atrás o seu círculo de amizades. “Mis madres eran muy diferentes a mí, a ellas les gustaba más la aldea y a mí la ciudad, y me daba pánico adaptarme a una realidad nueva”, conta.

Explica que a adaptación non foi para nada doada: “me enfadaba, tenía mucha rabia e ira dentro, y me preguntaba constantemente por qué me habían querido adoptar. De hecho todavía estoy aprendiendo a ser hija”. Sheila ao respecto quere recalcar que non se prepara para nada aos nenos que se dan en adopción. “Se dan paseos con la familia que aparece, se queda para comer con ellos, se conoce la casa... ¿pero qué pasa con los sentimientos? Precisamente por eso fallan tantas adopciones. Yo fui testigo de como devolvían a una compañera dos veces. Eso te destroza”. Insiste tamén en que hai moitos nenos á espera de familia dende pequenos e que hai xente que quere adoptar. “Hay listas de espera, pero les ponen tantas pegas que los niños crecen y luego ya nadie se atreve a adoptarlos con 16 o 17 años”, denuncia.

Sheila segue asistindo a terapia xa que ten un forte temor ao abandono. “Siempre tengo miedo de que me abandonen y me pasa también con mis amistades y mi pareja”. E é que tras pasar toda unha vida sen o cariño e o apego que calquera neno necesita, custa entender como funciona unha verdadeira familia, fiel e constante.

Sheila lanza unha mensaxe: “Muchas personas deciden no adoptar a niños que consideran mayores, pero nadie es mayor, lo darían todo por recibir el apoyo y cariño de alguien, es todo lo que buscan”