Galicia empápase este verán dunha axenda cultural que pon o foco no rural
Haberá máis de 2.500 propostas entre os meses de xullo e setembro
Non faltarán festivais, exposicións, contacontos, proxeccións cinematográficas ou actividades para dinamizar a lectura e a lingua galega

Javier Rosende Novo

Os galegos e galegas prepáranse para un verán cargado dunha programación cultural do máis variada. Cidades, concellos e parroquias terán acceso a distintas propostas que enxalzarán a arte musical, literia, teatral ou a propia lingua. Cidadáns e visitantes poderán investir o seu tempo de ocio en actividades culturais independentemente do destino no que veraneen, e todo grazas a unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración con distintas empresas e administracións locais baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON. Iniciativa esta que pon o foco de forma especial no rural para garantir o acceso á programación de todo tipo de públicos e para evitar que as parroquias máis pequenas queden excluídas da riqueza cultural da comunidade.
En total poranse en marcha máis de 2.500 propostas entres os meses de xullo e setembro, e prevese que mobilicen 4 millóns de euros. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, explicou que “o obxectivo de CulturON é crear unha marca paraugas que sirva para aglutinar e difundir a inxente cantidade de actividades culturais que se van desenvolver na comunidade, e que xa están a ter lugar no período estival. Galicia ten unha cultura riquísima e con esta iniciativa pretendemos que as actividades culturais cheguen a todas as partes de Galicia de xeito diversificado e descentralizado para achegar a nosa pegada a toda a xeografía do país. Queremos que todos os galegos desfruten dun contacontos, dun festival, dunha exposición de arte, música, teatro...”.
Román Rodríguez insistiu en que é unha programación “tremendamente participativa e colaborativa”, posto que baixo a marca CulturON “atópanse accións programadas e executadas pola administración autonómica, que son as menos, pero sobre todo moitas nas que hai colaboración directa con outras administracións como os Concellos”, dixo. O conselleiro quixo insistir na gran riqueza cultural da comunidade porque “hai uns 35.000 profesionais no mundo da cultura, cun dinamismo significativo”.
Festivais
Xoán Quintáns, director do Festival Revenidas (que se celebrará en setembro en Vilaxoán, Pontevedra), tomou a palabra durante a presentación de CulturON en nome dos programadores privados cos que colabora a Xunta para desenvolver as citas deste verán. “Levamos 20 anos comprometidos co territorio e a cultura. Galicia ten un modelo único de festivais moi vinculado ao territorio: podemos coñecer os segredos dunha illa, desfrutar de catas de viños ou de eventos gastrónomicos... Hai que pensar que os festivais son o verdadeiro motor da industria musical en Galicia. Un festival non é só música, traballan community managers, camareiros, profesionais de márqueting, deseñadores gráficos...”.
Hai que destacar os máis de 300 festivais de música, teatro e audiovisual dos que se poderá desfrutar, como son os asociados a FEST Galicia. Tamén son salientables as propostas para a música de cámara como o Festival Bal y Gay con 13 concertos na Mariña lucense en agosto, o Festival Groba de Ponteareas ou o de música Relixiosa Barcia de Mera.

Actuación de Girisho Gordon da compañía Desastronauts / Antonio Hernández
Artes escénicas
Interveu ademais a directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica (que xa está en marcha), Soledad Felloza, quen destacou que “a narración oral é a arte máis antiga do mundo, polo que recolle toda a memoria da nosa identidade”. Insistiu en que “a cultura descentraliza e a través dos contacontos podemos celebrala porque chegaremos ata 24 concellos, e un deles en Portugal. Temos previsto actuar en cidades grandes e pequenas. É vital conectar de forma íntima coa cultura local”, dixo.
Audiovisual, bibliotecas e museos
Nos museos haberá máis de 60 exposicións e máis de 200 actividades asociadas nos museos e arquivos de xestión autonómica. No eido audiovisual destaca o programa Redecinema, que usa o cine como ferramenta de dinamización lingüística. Tamén as bibliotecas públicas que coordina a Xunta acollerán máis de 800 propostas no marco do programa Ler conta moito para incentivar a lectura. As actuacións poderán consultarse na Axenda de Cultura de Galicia.
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- La profesora Marina Paredes se despide entre vítores tras 42 años de docencia en el Colexio Compañía de María
- «Visitar esta zona de la Catedral de Santiago es algo increíble»
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- La carrera por el Rectorado de la Universidade de Santiago tendrá cuatro candidatas: Mar Lorenzo no se presenta
- Biotecnología rural a base de castañas: 'Queremos crear una industria de enzimas en Galicia
- Aterrizan en Santiago las fresas con chocolate 'más famosas y virales del mundo