Entrevista | Xosé Bustelo Doutor en Bioloxía pola USC, investigador científico do CIC de Salamanca e presidente de FESEO

"Sabemos como funciona o cancro, agora hai que traducir os avances en novos tratamentos”

O 31 deste mes ingresa na Real Academia de Farmacia de Galicia, entidade dende a que pretende seguir axudando a mellorar o sistema científico galego

O investigador Xosé Bustelo

O investigador Xosé Bustelo / CEDIDA

O padronés Xosé Bustelo é un dos investigadores máis relevantes cos que conta Galicia. Traballa no Centro de Investigación del Cáncer (CIC) de Salamanca dende hai 23 anos, pero así e todo nunca perdeu o vínculo coa terra que o viu nacer. Estudou Bioloxía na USC e nada máis rematar comezou a facer o doutoramento no Departamento de Bioquímica e Bioloxía. Actualmente é tamén o presidente da Federación de Sociedades Españolas de Oncología (FESEO). Bustelo é un dos científicos máis citados a nivel mundial segundo o Stanford University Ranking e a súa traxectoria científica foi recoñecida con numerosos premios. O 31 deste mes ingresa na Real Academia de Farmacia de Galicia, entidade dende a que pretende seguir axudando a mellorar o sistema científico galego.

Ingresa o 31 deste mes na Real Academia de Farmacia de Galicia. Que implica para vostede este recoñecemento?

É un honor que me escollesen a min porque hai moitos científicos galegos que son importantes. As Academias teñen un valor esencial na sociedade porque son axentes vitais para axudar aos poderes públicos a definir políticas e para establecer un marco de como se poden mellorar as cousas. Espero axudalos a mellorar o sistema científico galego e as carreiras dos científicos e científicas galegas.

Xa hai 43 anos que decidiu estudar Bioloxía na USC. Daquela a súa familia sorprendeulle que non optase pola medicina. Foi unha boa decisión?

Creo que retrospectivamente si. Eu escollín Bioloxía porque me gustaba, e sobre todo porque me gustaban os animais e a natureza. Con todo, ao final inclineime polos aspectos máis moleculares. A Bioloxía permitiume facer o que me gustaba e sigo gozando do meu traballo. Naquela época o principal problema que vía a miña familia era que a Bioloxía se tiña como unha carreira con moito paro, pero eu sempre pensei que se te dedicas plenamente a tua ambición ao final sempre consigues saír adiante. É a mensaxe que hai que transmitir ás novas xeracións: que se deixen levar polo seu instinto porque traballando e con algo de sorte podes conseguir traballar no que che guste.

"Eu escollín Bioloxía porque me gustaba, e sobre todo porque me gustaban os animais e a natureza. Con todo, ao final inclineime polos aspectos máis moleculares"

Atópase no cumio dos 0,5% científicos mundiais máis citados segundo a Stanford University Ranking e atesoura innumerables premios. Todos estos méritos danlle pulos para seguir investigando ou non lle dá tanta importancia ás cifras e recoñecementos?

A verdade é que non porque isto sempre chega despois. Ningún científico se move por iso, sería un erro facelo porque o recoñecemento ás veces chega e outras veces non. O mellor é centrarte no teu traballo, intentar facer as cousas da mellor maneira posible e despois si a xente recoñece o que fas, moito mellor.

O sistema científico galego cambiou moito, agora xa existen moitos grupos de investigación. Con todo, aínda queda moito por andar...

Disto vou falar no meu discurso de ingreso. Si miramos retrospectivamente, dende que eu comecei en Galicia a tese ata agora todo cambiou moito. Daquela éramos moi afeccionados, os medios e a financiación eran moi escasos e agora en Galicia hai centros de investigación moi punteiros que conseguiron atraer a xente moi boa. Tamén hai financiación. Con todo, si nos comparamos cos países que nos rodean estamos detrás, incluso en España estamos un pouco por detrás nalgúns aspectos. E con respecto aos países máis punteiros, moito máis. Temos que ser máis ambiciosos e non conformarnos co que temos. Hai que investir nunha financiación máis estable para que os científicos galegos poidan traballar e hai que saltar a unha fase máis ambiciosa. Hai centros de investigación, e cando comecei non había, pero seguen sendo unha especie de contedores de grupos. Temos que ser máis ambiciosos e copiar por exemplo aos cataláns, cuxos centros de investigación teñen autonomía. Aquí as carreiras dos científicos sempre están orientadas á docencia e é importante crear tamén figuras non ligadas á Universidade.

"Hai que investir nunha financiación máis estable para que os científicos galegos poidan traballar e hai que saltar a unha fase máis ambiciosa"

De feito hai moitos científicos galegos que como vostede traballan fóra. É por todas estas carencias?

Creo que tamén é algo histórico porque os que estamos fóra é porque cando tíñamos que tomar a decisión de volver a Galicia non existían as condicións que hai agora. Igual hoxe estaríamos moitos aí. Creo que estaría ben falar coa xente que está fóra e preguntarlles por que non volven a Galicia e aí podería xurdir un marco de mellora. Pero eu sempre digo que non temos que fixarnos nos que xa somos dinosaurios, o que ten que facer Galicia é investir no talento mozo. Desta forma as novas xeracións que vaian ao estranxeiro a formarse, decidirían despois volver a Galicia porque existirían as condicións axeitadas, a financiación axeitada e centros de investigación axeitados.

Precisamente en 2014 recibía o Premio Arquímides ao mellor Titor Académico. Ve os novos talentos como o futuro da ciencia?

O certo é que todos os países precisan renovar os seus investigadores. Cada época trae novas técnicas e formas de ver a ciencia e desenvolver tecnoloxía. En Galicia e España vemos que en 10 anos se van xubilar un montón de académicos e profesores de Universidade e non se está facendo nada para pór en marcha un recambio escalonado destas persoas. A nivel persoal, cando comezas como científico o que máis che preocupa son a ciencia e os avances científicos, e cando nos facemos máis vellos preocúpache tamén a xente que formaches, que saiu do teu laboratorio e empeza as súas tarefas. Sempre é moi gratificante.

"En Galicia e España vemos que en 10 anos se van xubilar un montón de académicos e profesores de Universidade e non se está facendo nada para pór en marcha un recambio escalonado destas persoas"

E na súa área constata cada vez máis mulleres?

Si miras agora os laboratorios, depende da área, pero na da Biomedicina, en xeral, están poboados por mulleres maioritariamente. Ás veces cando vou a un congreso e mostran ao final os grupos, vexo algún conformado só por mulleres, o que é algo moi positivo. O problema non é tanto que as mulleres empecen a investigar porque de feito creo que están máis interesadas que os homes en investigar, senón que chega un momento no que deciden abandonar. Perdemos algunhas cando acaban a tese e moitas outras pérdense cando rematan a formación posdoutural. É un problema por resolver e creo que contribúen moitos factores. A discriminación é unha razón, pero tamén o é que a carreira científica non ofrece un sistema lóxico de carreira profesional e entón moita xente decide abandonar, e como as mulleres son máis realistas cos homes, deciden buscar unha situación máis estable.

"O problema non é tanto que as mulleres empecen a investigar porque de feito creo que están máis interesadas que os homes en investigar, senón que chega un momento no que deciden abandonar"

En que dirección avanza a investigación oncolóxica en España?

En España, como en todo o mundo, avanza en coñecer as causas do cancro, e sobre todo agora no que se está avanzando é en traducir esos progresos en novas terapias e diagnósticos. Hai un xen moi implicado en cancros en humanos e hai pouco por fin conseguimos identificar fármacos para combatelo tras 40 anos de investigación. Entón creo que a clave agora que sabemos como funciona o cancro, é traducir os avances en tratamentos e novos diagnósticos para os pacientes. Creo que por fin estamos vendo a luz ao final do túnel. Aínda falta, porque o cancro é un problema moi complexo, non todos son iguais e non todos os pacientes responden igual ao mesmo cancro, pero a clave é ir adaptando terapias e asegurarlles calidade de vida.

Que posición ocupa España na investigación oncolóxica a nivel internacional?

Está a altura do noso sistema económico. En canto á captación de financiación internacional somos moi competitivos, posto que somos uns dos países que máis captan para ensaios clínicos dirixidos a novas terapias en cancros. Con todo, hai cousas que outros colegas poden facer e nós non porque os recursos son bastante limitados. A España fáltalle un músculo financeiro para acometer proxectos ambiciosos. Faltan plans que se manteñan estables ao longo do tempo para poder traballar sen estar preocupado polo que pasará en tres anos. Tamén temos un problema á hora de captar talento porque é difícil contratar a xente boa non española e traela.