Síguenos en redes sociales:

Janet NovásPremio á mellor actriz revelación

“A película invita a esa crudeza e esa beleza da vida”

“A película invita a esa crudeza e esa beleza da vida”Mariscal

Janet Novás conseguiu o Goya polo seu papel en O Corno, a película de Jaione Camborda que trata sobre a sororidade, que a bailarina considera “un impulso vital” e o xeito que tiñan as mulleres dunha época, na que había que aguantar moito, de atravesar a vida “non para que fora máis lixeira, senón menos pesada”.

Como se sente un día despois de recoller o Goya á mellor actriz revelación?

Moi emocionada, evidentemente. Estou moi contenta polo recoñecemento ao meu traballo e á película. E moi agradecida tamén polo cariño que estou recibindo da xente.

Cando dixeron o seu nome, treméronlle as pernas ou xa está afeita?

Este tipo de galas e o mundo do cinema ten moitísima exposición, son moitos estímulos moi fortes en moi pouco tempo e, evidentemente, ten un impacto no corpo. Hai que ir xestionándoo pouco a pouco, pero foi moi bonito.

Vostede vén da danza. Resultou moi difícil interpretar ou a danza facilita as cousas?

Non sabería dicir como é doutra maneira se non bailas porque como levo bailando toda a vida non me podo poñer noutro lugar. Jaione (Camborda, a directora) chamoume a min por ese motivo, porque era unha personaxe física e ela precisaba buscar un corpo que xa tivera un achegamento con esa característica.

Como chegou á súa personaxe, María?

Foi un traballo de moita conversa con Jaione, de ir coñecéndonos, ela coñecéndome a min, eu de ir coñecendo a personaxe falando con Jaione, ela entendendo como podía dirixirme para achegarme ao que ela quería. E foi así como, compartindo, e eu ofrecéndolle propostas e, pouco a pouco, foi aparecendo María... a traves tamén do traballo coas mariscadoras... o que eu fun facendo de memoria co corpo… e de observar... Vaise pulindo día a día, pouco a pouco, vai aparecendo un tono da voz, unha maneira de camiñar. É unha película que che invita ao detalle, o íntimo.

Custoulle moito dedicirse a facer a película?

Non.

E agora, apetécelle seguir na interpretación?

Se saen oportunidades, por suposto. Como digo eu, entrei no mundo do cine a través de Jaione e para min a experiencia con ela foi marabillosa. Se sempre é así ou parecido, eu asino onde faga falta.

A película xira arredor da sorodidade e dedicoulle o premio ás avoas. Cre que as avoas, ou as mulleres desa época, aínda que non coñecían a palabra, si a practicaban?

Por suposto. É un impulso vital. E máis antes, cando había que calar certas cousas, non podían expresar moitos pensamentos. Tiñan que aguantar. Incluso ás veces utilizaban o humor. Foi un pouco como o vivín. Ían buscando maneiras de atravesar a vida non para que fora máis lixeira, senón menos pesada. E penso que unha desas maneiras era a sororidade. Pero que non tiña que ver con levarse ben ou mal. De feito aparece na película, coa rapaza portuguesa, que axuda a María pero tampouco hai unha relación de grande amizade. É unha cuestión de axuda, algo vital, que ten que ser así. A película de Jaione invita a esa crudeza e esa beleza da vida. Non hai moito máis. É a auga, a terra, as mans, a mirada, cousas esenciais. Eu falo sempre das mulleres de aquí de Galicia porque son as que a min me tocaron, pero é algo universal, de calquera lugar. Agora mesmo en Gaza, estano pasando situacións realmente difíciles.

Podería definir ‘O Corno’ cunha palabra que non sexa sororidade?

Salvaxe.

Pulsa para ver más contenido para ti