Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

TVG: especial ‘Camiñantes e cantantes de norte a sur’

Na segunda entrega do programa, entre hoxe e o venres, Pepo Suevos e Manuel Manquiña enxalzarán a grandeza das rutas xacobeas

De todos é sábido que hai varios camiños de Santiago. Cada un deles percorre un feixe de fantásticas paraxes e hai etapas do Camiño practicamente por toda Galicia. Tamén é sabido que existen moitos piques e rivalidades debidas precisamente ao tema xeográfico. Pero hai outra rivalidade que non é tan coñecida: a dos camiños que van polo norte e os que van polo sur, que non se reduce á beleza dos lugares que atravesan, senón que comparan tamén a tradición e a calidade da música relacionada coas diferentes vilas percorridas en cada traxecto.

Para explorar esta rivalidade, a Televisión de Galicia ofrece esta noite o especial Camiñantes e cantantes de norte a sur, un programa de dúas entregas que se emitirá tamén este venres. O elemento central de ambos os dous será La Oca Band, unha agrupación musical que lles pon banda sonora ás diferentes sendas de peregrinación nun espectáculo co que levan dous anos de xira por toda Galicia e en que contan coa colaboración de diferentes artistas convidados, como Pili Pampín, Lucía Pérez ou Laura Añón.

A batuta deste “enfrontamento” levarana Manuel Manquiña e Pepo Suevos. O primeiro, camiñante e cantante de orixe viguesa, intentará enxalzar a grandeza dos Camiños de Santiago que cruzan as provincias de Ourense e Pontevedra. O seu rival, ferrolán de nacemento, cumprirá a mesma misión, pero cos camiños que transcorren ao longo da Coruña e Lugo, cunha variante musical tamén de primeiro nivel.

O sangue non chegará ao río, pero as risas á pantalla, a bo seguro que si. Cada un fará unha exposición das marabillas das súas zonas, pero sempre desde o bo humor e unha rivalidade sa e co ritmo da música en directo que achegará La Oca Band ao longo do programa.

Na edición desta noite, os espectadores poderán seguir o percorrido norteño que fará Pepo. Nel verán paraxes e localizacións indispensables dos camiños do norte, que o cómico ferrolán relacionará cun tema musical, ben polo seu autor ou ben pola súa relación co sitio desde onde fala. Unha vez desvelado o tema, amosarase a versión que del se fará desde o escenario.

Así, nesta primeira entrega, soarán, entre outras, cancións como Galicia terra meiga, na voz de Pili Pampín, O tren, Terra, os temas máis míticos de Fuxan os Ventos e un mix de cancións de Juan Pardo, por un lado, e do máis destacado do pop galego, polo outro.

Finalizada esta andaina metafórica polas músicas xacobeas do norte, un insatisfeito Manuel Manquiña emprazará a audiencia a que vexa este venres a seguinte entrega do programa, onde será protagonista a música do sur.

‘Saudade de ti’. Esta noite, en Saudade de ti, Raúl está máis dubidoso ca nunca. Chegoulle o momento de decidirse entre Mónica e Celia. ¿Escollerá o que lle dite a súa cabeza ou o que lle diga o corazón?

Co diagnóstico da enfermidade de Isidro tamén veñen as confesións e non lle vai quedar outra que contarlle a verdade á familia. Elba e Noa deciden facerlle fronte a Saleta, pero a muller non pensa deixar en paz a Lucho tan facilmente.

Mentres tanto, Caldeirada de Abrente parece ter os días contados, pois o plan de Adela e Gaspar está a piques de facelos desaparecer.

‘FESTIGALIANDO’. Vigo acolleu a finais de agosto o Festival de Música Urbana, un evento que congregou os artistas máis destacados do xénero urbano a nivel nacional e do que hoxe dará conta o programa Festigaliando.

07 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.