A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, elixiu o barrio compostelán onde reside, o da Almáciga - Cocheiros, para enviar unha mensaxe de Fin de Ano na que pediu o apoio dos galegos o 18F para alcanzar unha "Galicia mellor" en 2024.

Nas rúas nas que fai "a súa vida cotiá", narra no vídeo, Ana Pontón escoita tamén "as preocupacións da xente" sobre a sanidade, a subida de prezos, a falta de traballo ou a factura da luz, apunta.

"Son as preocupacións que me chegan falando coas persoas do meu barrio, as mesmas que me compartides vós nos encontros que teño cada día polo país, as mesmas que sinto eu", afirma.