O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu na mañá do mércores a 'celebración' polo remate do proceso de instalación de fibra óptica no casco histórico da cidade. A capital galega convértese así en pioneira, entre as cidades patrimonio, na dotación deste servizo dentro da améndoa. Un proceso xestionado polo Consorcio e Amtega (Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia) que o subdirector xeral de Conservación de Bens Culturais da Xunta, Manuel Chaín, describiu como "salvagarda do patrimonio conectándoo co futuro".

Este proxecto, asumido pola operadora Orange, botou a andar no outono de 2020 e desenvolveuse en 13 fases, instalando máis de 21 quilómetros de cabo no casco histórico e máis de 1.000 caixas 'Compostela' (dispositivo de menor tamaño que os habituais e bautizado así por ser creado ad hoc), que dota de conexión dixital a máis de 6.000 fogares da cidade.