Outras historias posibles reúne o traballo de seis artistas contemporáneas nadas na década dos 50 e vinculadas a Galicia nos seus camiños vitais e profesionais, cuxas traxectorias merece a pena revisar e contextualizar para, como expresa o título do proxecto, xerar outras historias que completen as xa coñecidas. A mostra, comisariada pola investigadora e crítica de arte Susana Cendán, pon o foco en Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré, todas elas artistas que por méritos propios de dedicación e talento, despuntaron especialmente na década dos anos 80 do pasado século.