Ordes ampliará as redes de auga e de saneamento dende O Mesón do Vento ata o núcleo de Canedo

Cun investimento de 820.000 euros, instalarase unha tubaxe de 2,8 quilómetros para o abastecemento e outra de 3 para fecais

Pola dereita, José Luis Martínez, Ethel Vázquez e Gonzalo Trenor tras a sinatura do convenio.

Pola dereita, José Luis Martínez, Ethel Vázquez e Gonzalo Trenor tras a sinatura do convenio. / Xunta

Gabriel Fernández

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, asinaron este mércores o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello para acometer as obras de ampliación dos servizos de saneamento e abastecemento no núcleo do Canedo, ás que se destinará un investimento de case 820.000 euros.

O acordo contempla a ampliación da rede dende O Mesón do Vento ata O Canedo. As intervencións constarán de 2,8 novos quilómetros de rede de abastecemento e máis de 3 quilómetros de tubaxe de saneamento.

A Administración autonómica aportará o 80% do custo total da instalación (máis de 665.000 euros), mentres que o Concello de Ordes achegará o 20% restante (case 164.000 euros). O citado convenio foi autorizado polo Consello da Xunta o pasado día sete de decembro.

Por outra parte, Augas de Galicia é a encargada de poñer en marcha a contratación e a execución das obras, ademais da súa dirección e xestión ata o final das mesmas. Estas intervencións atópanse cofinanciadas pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027.

O goberno municipal ordense levará a información pública o proceso nun prazo non inferior a 20 días, publicándoo no Boletín Oficial da Provincia. A administración municipal terá que aprobar en pleno o proxecto, poñer a disposición de Augas de Galicia os terreos precisos para as obras e os permisos necesarios para desenvolver as actuacións.

O Concello de Ordes será responsable de poñer en funcioamento a instalación, asumindo a súa explotación e mantemento.

Entre os obxectitvos do convenio, establécese o segundo semestre de 2024 como a data para poder iniciar as obras. Está previsto que a duración das intervencións na zona sexa de seis meses. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou que “as obras que se levarán a cabo baixo este acordo farán posible que o núcleo do Canedo dispoña de rede de abastecemento e saneamento municipal”.

Grazas á instalación destes sistemas, substituiranse os pozos de captación e as foxas particulares existentes que non contan, na maior parte dos casos, cun control adecuado. Por último, as intervencións no abastecemento precisarán estender 2.500 metros de tubaxe de polietileno de 75 milímetros de diámetro e outros 315 metros de tubaxe de 63 milímetros.

Na sinatura do acordo estivo presente tamén o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor