Entrevista | Pablo Lago Alcalde de Brión

"Non quero un concello urbano como Ames que creza desmesuradamente"

Pablo Lago, alcalde de Brión, en la redacción de El Correo Gallego

Pablo Lago, alcalde de Brión, en la redacción de El Correo Gallego / Javier Rosende Novo

Goberna baixo as siglas do PSdeG-PSOE, pero Pablo Lago ten claro que, antes que ao partido, débese aos veciños. O rexedor lembra que Brión é un dos poucos concellos galegos que medra en poboación, pese a que son moitos os residentes que non están censados, e defende as vantaxes de vivir nun municipio rural que ten, di, todos os servizos.

Que lle quita o sono?

Estar ao lado dos veciños e botarlles unha man no que lles preocupa. É o que debe facer un alcalde: estar con eles, posto que somos a administración más próxima.

Pensei que me diría que o que máis lle preocupa é ter cartos para pagar os servizos que presta...

Evidentemente, a cuestión do financiamento nun concello rural como é o de Brión é algo que preocupa moitísimo. De aí, que petemos na porta doutras administracións como a Xunta e a Deputación, e tamén a do Estado, para intentar financiar aqueles proxectos que necesita Brión.

E cando o alcalde dun concello pequeno como Brión vai petar nesas portas, atopa receptividade?

Teño que dicir que no pouco tempo que levo de alcalde atopei portas abertas tanto na Xunta como na Deputación. Seguirei petando, porque son insistente, pero sempre dende a educación e a humildade.

Non é tan habitual que un alcalde socialista diga abertamente que ten boa relación coa Xunta...

Dende que eu cheguei á alcaldía, hai boa relación.

Co anterior alcalde, tamén socialista, non a había?

Cónstame que non era a que existe hoxe en día.

¿Por culpa de quen?

Non o sei. Aí non quero entrar. O que si sei é que teño que agradecer que as portas da Xunta, especialmente as do presidente e dalgún conselleiro, estiveron abertas para Brión. E eu non falarei mal de quen me tendeu unha man.

E que lle parece o novo Goberno de Alfonso Rueda?

Ten boa pinta. Rueda paréceme unha gran persoa e unha persoa de palabra.

Pero vostede non era socialista? Non irá fichar polo PP?

Eu son dos veciños de Brión. Estou no Partido Socialista cando me represente. E cando non sexa así direi o que pense.

Non está cómodo no PSOE?

Intento estar cómodo en todos sitios, pero unha administración local pequena como a nosa ten que levarse ben coas administracións máis grandes, represente quen as represente. O alcalde antes que ao partido débese aos veciños. Se alguén me dá algo para Brión, sexa do BNG, do PP ou do PSOE, eu direille: grazas.

En que gasta máis o Concello?

Nos servizos diarios: luz, auga, recollida de lixo... Tamén no Servizo de Axuda no Fogar, que conta cunha partida superior ao millón de euros. Esa é unha das cousas que non é competencia directa das administracións locais e na que necesitamos que as administracións grandes nos boten unha man.

Vostedes limitan cun concello, o de Ames, que é o milagre demográfico de Galicia. Non teñen esas grandes cifras, pero si que están medrando en poboación, non?

Así é. Brión é un concello rural que ten servizos e que ten calidade de vida. E estamos crecendo de maneira ordenada, con vivendas unifamiliares de parellas que veñen vivir a Brión e facer vida cos seus fillos. Hai unha parte da poboación que si envelleceu, pero dende a pandemia veu moita xente nova. Por iso somos un dos poucos concellos de Galicia que medrou en poboación.

Hai vivenda dispoñible en Brión? Pódese construír?

Pódese construír e de feito estes días comeza a construción dun edificio novo fronte ao balneario. Algo máis vai a haber e estase construíndo moita vivenda unifamiliar.

E para alugar, hai vivenda?

Iso si que non o hai. As vivendas de alugueiro están todas alugadas.

En todo caso, teñen solo para construír novas vivendas? cre que hai promotores interesados?

Nos últimos tempos tiven reunións con empresas que están decididas a investir e construír novas vivendas en Brión na altura que permite a normativa urbanística.

Poden ser unha opción para as persoas que non atopan vivenda en Santiago e tampouco en Ames...

A extensión de Ames é Brión. Pero a min gústame o modelo de concello que temos. Non quero un concello urbano como Ames que creza desmesuradamente. Nós somos un concello pequeno, pero con moitísimos servizos para a poboación e moita oferta cultural e deportiva. E isto fainos ser diferentes.

Un concello pequeno, pero que medra pouco a pouco. Agora mesmo superan os 8.000 habitantes...

En realidade temos unha poboación que está en torno aos 12.000 habitantes, pero censados son 8.000. Durante a pandemia si que houbo un aumento do censo porque moita xente viña pedir a autorización que facía falta para circular entre concellos e eu animábaos a censarse. Ocorre que en Brión vive moita xente que traballa en Santiago e que necesita censarse alí por cuestións relacionadas coa escolarización dos nenos. Pero nós recibimos recursos en función dos habitantes que temos. Eu, cando vén alguén pidirme algo, con toda a educación do mundo o primeiro que fago é preguntarlle: vostede está censado neste concello? Porque para ter servizos, hai que ter presuposto.

Que pensa do debate sobre a fusión de concellos?

O lóxico sería ter convenios entre concellos para prestar servizos. O que non pode ser é que nós teñamos unha piscina climatizada para 8.000 habitantes, que en Ames teñan dúas e que en Rois queiran outra.

En todo caso, que equipamentos necesita si ou si Brión?

Necesidades hai moitas, pero fai moita falta un auditorio. É unha espiña que teño cravada porque temos moita actividade cultural. Si podo adiantar que imos iniciar o proxecto. Xa temos un borrador. E levamos anos coa demanda do campo de fútbol de Bastavales, que eu creo que agora si vai ser unha realidade.

Suscríbete para seguir leyendo