Preocupación veciñal pola onda de roubos en Curtis e na comarca nos últimos meses

Os incidentes suman un total de sete actos delituosos no que vai de ano neste Concello

Imaxe do vehículo á fuga tralo atraco da máquina expendedora de Teixeiro

Imaxe do vehículo á fuga tralo atraco da máquina expendedora de Teixeiro / C. de Curtis

O Concello de Curtis vén de sufrir novos furtos no seu termo municipal. Se xa nos meses de marzo e principios deste mes o alcalde do municipio, Javier Caínzos, alertaba dunha onda de roubos no concello co asalto ao campo de fútbol Lucas Vázquez así como no campo de fútbol do Carregal en Teixeiro e furtos de vehículos, agora véñense de producir novos roubos.

Nesta ocasión trátase da sustración dous mil litros de gasoil en varios camións de Teixeiro así como o asalto da máquina expendedora sita en na Avda. Doutor Martínez Pardo en Teixeiro forzando a porta antiroubo e con danos valorados en 2.700 euros.

Tamén no mes de xaneiro se produciron roubos nunha nave agrícola co furto de tres motoserras valoradas en 2.144 eruos, unha soldadora valorada en 477,95 euros e seis metros de cable de soldar. Todos os danos están denunciados ante a Garda Civil.

Dende o Goberno local, que condena enerxicamente os actos vandálicos e delituosos, manifestan a súa preocupación e solicita o reforzo da vixilancia nocturna por parte da Garda Civil para erradicar e disuadir estes actos. Tamén solicita a colaboración da veciñanza na pescuda dos infractores.

Os incidentes suman un total de sete actos delituosos no que vai de ano no concello de Curtis. Desde roubo de bens valiosos en naves agrícolas ata asaltos a vehículos e establecementos comerciais, a comunidade local está en estado de alerta ante esta escalada de criminalidade que ameaza a tranquilidade e a seguridade dos residentes.