MUNICIPAL

Zas supera os 6,8 millóns de euros de orzamento en 2024

É o maior da historia local e supera nun 26% ás últimas contas aprobadas no 2022

O alcalde, Manuel Muíño, destaca o especial fincapé no gasto social

Casa consistorial de Zas

Casa consistorial de Zas / Concello de Zas

J. M. Ramos

A corporación municipal de Zas aprobou no pleno extraordinario celebrado esta mañá os orzamentos do 2024 coa abstención do PP e do PSOE. Deste xeito o Concello de Zas dispón para este exercicio dun orzamento de 6.800.051,06 euros; o maior da historia, cun aumento de máis dun 26% con respecto aos do 2022, que foi o último aprobado.

“Estes son uns orzamentos contidos nos que facemos un especial fincapé no gasto social”, sinala o alcalde, Manuel Muíño. A este capítulo o Concello adica máis do 21% do orzamento total, o que supón case 1.500.000 €. Unha porcentaxe que segundo o rexedor “é superior á que adican outros municipios da zona cun maior número de habitantes”.

Nos orzamentos para este ano destaca a reducción en gastos de persoal, un 16,63% menos que nos do ano 2022, e incrementouse notablemente o gasto en inversións reais que supoñen o 24,16% dos orzamentos e que se traducen en 1.643.227,19 €.