Entrevista | Samuel L. París poeta, divulgador cultural e do Dépor

"Os exemplos de que está todo feito un cristo están por todos os lados"

Samuel L. París presenta o mércores 24 de abril en Compostela o seu novo poemario, 'O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo'

O poeta muradán fala por primeira vez do seu universo interno, sen esquecer que o de fóra "é un cristo" e mantendo ese espíritu macarra e iconoclasta 'marca da casa'

Samuel L. París presenta novo poemario en Santiago de Compostela

Samuel L. París presenta novo poemario en Santiago de Compostela / CEDIDA

Samuel L. París (Muros, 1984) lanza novo poemario. Depois da gustosa travesura que foi a "Internacional de poesía anarquista", o poeta muradán volve con "O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo", editada por Positivas. EL CORREO GALLEGO fala con el coincidindo co Día do Libro e na véspera da súa presentación en Santiago de Compostela. Será ás 20.30 horas na sede da editorial (Rúa das Carretas nº18).

ECG: Que fas agora mesmo ademais do traballo oficial? Sei que tes un podcast, algún recital que outro, mantés a túa web con moitas historia… como vai esa creatividade?

Samuel L. París: Pois agora, obviamente, estou metido na presentación deste poemario e teño varios recitais. E van saíndo cousiñas. Esta semana, por exemplo, estou no festival Poesía Salvaxe en Ferrol. Máis cousas nas que ando metido: pechei todas as redes e agora só teño a miña web, na que fago unha newsletter que vou enviando mensualmente e na que, aparte do típico spam que facemos todos, vou contando cousiñas a maiores. De feito, co lanzamento do libro tamén quería dar un pouquiño de contexto, como as cousiñas do libro, ir explicando as partes, meterme así en detalles… e despois teño o podcast ‘A catapulta’ coa xente de O Salto, no que vou falando con autores e autoras, xente que organiza eventos, ou que teñen unha asociación, ou editoras, ou músicos… a idea é que non se fale coa xente só no momento de presentación de obras, ou cando reciben premios, se non porque si, do día a día, do seu traballo. E despois, claro, sigo escribindo. Agora mesmo faise raro ver o texto xa aquí, porque foi unha cosa que pechei hai uns meses, e agora estou escribindo outras cousas. Máis poesía, e ando probando escribir narrativa. E aí, non sei, facendo un poquiño de todo. Para variar. Sen parar. 

ECG: O libro está xa para mercar en librarías?

S.P.: Si, xa está dispoñible! Se non o atopas, pódese encargar á túa libraría de sempre e o enviamos. Tamén está á venda na web de Positivas. 

ECG: Viñemos aquí a falar do teu libro. Comezando polo título. Que cousas están feitas un cristo para ti? Cal é o ámbito xeográfico das cousas que están feitas un cristo?

S.P.: Eu creo que non hai nada que non estea feito un cristo. Está feito un cristo o local, porque cada vez estamos máis separados da xente que nos rodea, parece que estamos máis conectados que nunca pero é o contrario, estamos separados todos como pequenas illas, cada un ten a súa realidade, ninguén ten capacidade de empatía a día de hoxe. E a nivel global estamos peor que nunca, hai crise climática pero a inversión en material militar está aumentando máis que nuncaos exemplos de que está todo feito un cristo están por todos os lados.

ECG: En canto a Galicia, cal pensas que é o maior cristo?

S.P.: Poñas onde poñas o ollo notas que algo está roto, que está desprazado. Agora están de moda os alimentos bio… e os alimentos bio son os alimentos, joder, sabes? Son como eran os alimentos antes, como tiñan que ser. Estamos descubrindo que as cousas que funcionan son as de sempre, e estáncho vendendo como algo novo. En Galicia sempre parece que queremos forzar as cousas dun xeito diferente cando a maior riqueza xa temos aquí de seu, pasa co idioma, pasa co cultura. Había unha rede de cultura brutal… pero, por exemplo, collimos as romerías, levámolas ao medio dun monte e convertímolas en festivais. É todo ao revés, desnaturalizamos as cousas. En Galicia sobre todo, que dá mágoa como se for desnaturalizando o que había no lugar de poñelo en valor na medida que debía ter.

ECG: Antes dixeches que te quitaches das redes. Ten que ver un pouco con isto, coa superficialidade, con que todo sexa un filtro de Instagram?

S.P.: Ten que ver con moitas cousas. Unha delas é iso, que che din que hai que estar en redes porque senón a xente non se entera do que fas… pero non sei se a xente que está en redes se entera de nada, tampouco. Ese é o primeiro punto. A xente está recibindo moitísimos inputs, pero non recibe información, nin conecta con nada. Ao final, semella que todo queda na proposta pero non hai nada que estea ben rematado nin finalizado. E despois… é que está todo o mundo! Eu que sei, hai garitos aos que vai todo o mundo. Pois eu encontrareime coa xente coa que me gusta estar nun garito pequeno. É mellor que ir onde está todo o mundo, sabes? E tampouco hai que compartirlle todo ao sistema. Deixar todo, as minhas conexións cos demais, en mans de empresas de publicidade, que é o que son as redes sociais, pois non semella moi entretido. Non me parece un bo plan.

ECG: Este libro é bastante longo en comparación coa ‘Internacional’ e co ‘Inflamable’. E ademais ten capítulos! Isto si que sorprende. Como resultou así, con estrutura? Foi primeiro o ovo ou a galiña?

S.P.: Pois a estrutura foi moito despois. Ao principio iba a facer unha cousa moi intercalada, moi, moi caótica. Mais semellaba unha cousa densísima, súper confusa. Entón, encontrei esa fórmula. Aínda así, cos trece capítulos, penso que sigue sendo bastante caótico. Quero dicir, cada parte é do seu pai e da súa nai, con estilos diferentes. Foi algo que atopei de casualidade cando xa estaba tocando textos, metendo as últimas cousiñas. Si que tiña claro, por exemplo, a parte do universo: o de fóra, o de diante, o de dentro. Pero o resto era un batiburrillo e fun atopando así os nexos entre certos textos. A nivel da experiencia de lectura si que é un pouco máis organizado. Aparte, permitiúme tamén desenvolver esa idea, esa fórmula case relixiosa entre a idea dun Deus que está formado polo poema, polo poeta e máis pola persoa que esta lendo, non? Por ti. Todos forman parte dese cristo da propia obra. Porque a obra, se non a lés, non hai nada, non existe. Non me expliquei nada ben, pero bueno, a resposta é que o atopei.

ECG: Diría que neste poemario te pos máis persoal, máis reflexivo. Pensaches máis que nos anteriores antes de poñerte a escribir?

S.P.: Pois pode ser. Dentro de que hai un peso da parte formal, a estrutura, si que é a pimeira vez, penso, que me abro a certos temas, volco cousas máis internas, máis íntimas, digamos. Unhas son formalmente evidentes, outras non. Pero si que hai unha parte aí de cousas que necesitaba contar.  Ás veces non sabía como facelo, hasta que me din de conta de que o mesmo camiño que tiña para expresar outras cousas, que é a poesía, tamén o tiña para falar destas cousas que me estaban pasando ou que estaba sentindo. Hai unha serie de textos aí que son os que obviamente me custaron máis amosar, poñelos, porque para min era a primeira vez, e non sabía como se iba a recibir. Porque moita xente que ao mellor chega os teus textos vai buscando ese sarcasmo, esa ironía, algo máis ‘puñetero’, non? Pero permitínme facelo porque foi unha forma de reconectar con esa idea de que na poesía podes facer o que queiras, e non quería deixar de facer o que quería, que era poder expresar eso.

Un exemplar do libro de Samuel L. París e a postal que leva de agasallo

Un exemplar do libro de Samuel L. París e a postal que leva de agasallo / Cristina Marchán

ECG: Canto levou maquetar o libro? Porque hai moito xogo aí… 

S.P.: Uf, uf, si. A ver, eu xa fun preparando a premaqueta, xa tiven en conta o formato que teñen Positivas, que se axusta bastante ao que fago. Hai moitas cousas, como a disposición dos textos, as imaxes, certo rollo gráfico e tipográfico... si que foi un pouco complicado. A resposta definitiva debería dala Paco [Paco é Paco Macías, de Positivas], e seguramente incluiría unha serie de insultos á miña persoa. Porque si, houbo moitas voltas á maqueta, pero a verdade é que estou moi contento, Paco fixo un curro moi guai. Coa xente que te entendes tan guai como me entendo eu con Paco, da gusto. É un libro que seguramente só pode saír en Positivas.

ECG: Por certo, xa levas moito tempo en Positivas e semella que estás a gusto, non?

S.P.: A verdade é que si! Con Paco empecei co 'Inflamable', propoñeume que lle mandara uns textos que tiña aí ciscados, e resulta que saeu un libro. E despois foi a “Internacional de poesía anarquista”, que ao final é unha antoloxía falsa de autores que non existen. Cando lle dixen “Paco, quero facer unha antología de autores que me vou inventar” el xa foi en plan ‘o que queiras’. Con el da justo, non se toca nin unha coma. E despois para cousas como as presentacións tamén nos entendemos ben para organizar todo. É sempre un rollo moi familiar e agradable. Non sei como son outras experiencias de edición para outros autores, pero para min con Paco é moi fácil todo.

ECG: Falando da falsa antoloxía e dese humor teu: alguna vez alguén se che ofendeu por non coller o chiste?

S.P.: Algunha vez vin alguén torcer o bico por algunha cousa, pero máis ou menos creo que a xente entende. Cando fas cousas que bordean a comedia, o humor e o sarcasmo, pois xogas un pouco coa idea de que o chiste o que busca é ese desencontro entre as expectativas da persoa e o que ti lle das. E nese desencontro hai unha familiaridade. Cando fracasa iso e a outra persona se sinte mal, ti tamén te sentes mal, porque fracasou a comunicación. Pero non teño a sensación de que me  pase iso. A xente que chega aos meus textos vai un pouco sabendo o que hai. Por exemplo, o directo xa me permite tamén esa interacción, presentar as cousas como as presento, non soe haber moita historia. Algún exabrupto de alguén, si, bueno… vou ir a Ferrol estes días, e no libro hai algunha referencia a Ferrol que non sei como vai caer, pero bueno. A xente xa sabes. 

ECG: A xente pódese ofender con todo, pero alégrome que non che pase. 

S.P.: De momento non. De momento, que todo pode chegar.

ECG: O mércores 24 de abril presentas o libro en Compostela. Detalles, por favor.

S.P.: Pois mira, íbamolo facer nun garito en Santiago, pero houbo un problema de axenda do sitio e Paco dixo “molaba que comezaramos na sede de Positivas, de onde sae o libro e cunhas cerveciñas”. O sitio é moi pequecho e tiña dúbidas… pero entre a emoción que tiña Paco e que me pareceu unha personajada, que sempre gustan este tipo de rollos, pois dixen “veña, pradiante!”. Faremos un recital, nunca me puxen a palicar dos meus libros porque coido que non ten sentido ningún no caso da poesía que fago. Entón iso: ler uns textos, picar algo, palicar, e nada máis.

ECG: Enredaches e non me dixeches hora e dirección. 

S.P.: Claro! Será ás 20:30 o mércores. É na Rúa das Carretas, non me acordo que número… hai un carteliño ali, así que non hai problema. (Recordamos aos lectores que a dirección é Carretas 18)

ECG: Imos rematando! Recoméndanos un libro, unha peli e un planazo.

S.P.: Un libro, pois mira, iba poñelo na próxima newsletter pero xa volo adianto aquí. 'Siete elefantes de pie bajo la lluvia', é dun poeta norteamericano que se chama Billy Collins. O tipo ten unha poética moi bonita, toca o cotián. O libro é unha cucada e os poemas son preciosos, é moi agradable de ler.

ECG: Peli ou serie. 

S.P.: Pois estou desenganchado últimamente de pelis e de series, eh? Estou vendo bastante cine clásico… agora mesmo só me ven 'La fiera de mi niña'. Envelleceu un pouco así, ten moitas cousas propias da época, pero é que é unha pasada de peli, cun texto e un guión rapidísimo. Ou tamén, máis actual, a noruega 'La peor persona del mundo' está bastante guai.

ECG: Un planazo.

S.P.: Planazo é… Planazo é quedarte sen facer nada, pero sin facer nada. Irte onde non haxa un coche, onde non haxa ninguén, cun libro, apagar o teléfono… Apagar o teléfono. O mellor planazo que podo facer agora mesmo é apagar o teléfono, apagar os aparatos electrónicos e desconectar do mundo.

ECG: E isto dicímolo a través dunha pantalla de videochamada…

S.P.: A través dunha pantalla de videochamada e dito dun tipo que se dedica profesionalmente a traballar en redes sociais a outra que tal cal. Pero si, nada, unha boa conversa nada máis, estar rodeado da xente coa que queres estar, e que é todo máis fácil que eso, que montarse mil historias. Así é. E o tempo demostra que non hai maior verdade que esa. 

ECG: Moi de acordo.

S.P.: Estouche moi sensible.

ECG: Estás introspectivo. Está moi ben.

S.P.: Si, si que está.