O IGADI analiza desde Galicia a situación mundial actual no seu informe anual

Baixo o título de 'Eleccións e guerras: Perfilando a multipolaridade', o informe atende á nova natureza e formas da multipolaridade na sociedade internacional

De esquerda a dereita: Marta Álvarez, Ramón Bouzas, Marola Padín, Daniel Gonzalez (de pé) e Alberto Trillo

De esquerda a dereita: Marta Álvarez, Ramón Bouzas, Marola Padín, Daniel Gonzalez (de pé) e Alberto Trillo / Antonio Hernández

“Vivimos nun mundo turbulento”. Así de contundente se mostrou este luns o director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), Daniel González, no salón de graos da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Fíxoo durante a presentación da 17ª edición do IGADI Annual Report 23-24, o informe anual de relacións e política internacional no que este think tank (laboratorio de ideas) galego creado no ano 1991 presenta as claves do estado do Planeta e as perspectivas que se agardan para este 2024.

Baixo o título de Eleccións e guerras: Perfilando a multipolaridade, o informe, que conta con doce análises específicos por áreas xeográficas e transversais, atende á nova natureza e formas da multipolaridade na sociedade internacional poñendo o foco en cuestións como as eleccións que se celebran en ata 70 países ao longo deste ano, o deterioro das normas internacionais e a amplificación do impacto da policrise global en materias como a seguridade, a economía, o medio ambiente e a pobreza.

Tralo agradecemento do decano da Facultade de Ciencias Políticas da USC, Ramón Bouzas, por poder acoller o acto de presentación do informe, a vicedirectora do IGADI e directora adxunta do Observatorio da Política China, Marola Padín, sinalou que “desde Galicia temos opinión do mundo e que esta tamén se escribe en galego”. Así mesmo, Padín recalcou que “é importante ler o pasado para entender o presente e intuír a panorámica futura”, non sen antes destacar que “o 2023 foi sinónimo de conflito bélico”. “Neste informe existen conceptos clave como pode ser guerra, multipolaridade e novos eixos que veñen de estados que ata agora non eran predominantes como é o caso de EEUU, senon que China e Asia están a marcar un paso á fronte claramente relevante e iso verase tamén neste 2024”, engadiu. Nesa influencia crecente de China, así como a de Rusia, incidiu o director do IGADI, Daniel González, quen asegurou que “estamos ante unha nova Guerra Fría, que non será igual que a vivida o pasado século, que fai que o mundo se polarice en dous bandos”, unhas “novas fórmulas da nova Guerra Fría presentes tanto na economía como nos conflictos bélicos”.

Ademais, durante o acto, o xornalista de Nacións Unidas Alberto Trillo denunciou o “momento critico para o dereito á alimentación”. “Existe unha tendencia negativa de retroceso para o futuro despois de dúas décadas de grandes progresos. Desde 2019 hai 122 millóns de persoas máis que pasan fame. Os últimos números que temos, do ano pasado, é que 783 millóns de persoas sufren esta problemática e cando o obxectivo do desenvolvemento sustentable para 2030 era chegar a fame cero, a proxección para 2030 é que estaremos en 600 millóns de persoas, que era a cifra que tíñamos en 2015”, sentenciou.

Pola súa parte, o profesor de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) Christoph Schreinmoser achegou as evolucións positivas que se están a desenvolver para combatir a crise climática no ámbito da cultura mentres que a especialista en diplomacia deportiva Marta Álvarez salientou que o deporte é “unha ferramenta que inflúe no mundo”, e puxo como exemplos a reacción que xerou o bico de Rubiales trala final do mundial feminino ou os eventos deportivos que impediron a participación de atletas de certos países.