Laxe busca a 50 familias para pór en marcha o plan de compostaxe en todo o municipio

O Concello de Laxe súmase ao programa de compostaxe doméstico impulsado por Sogama en Galicia, do que xa forman parte varios municipios de Costa da Morte. Repartirá preto de 50 composteiros entre a súa veciñanza. Para explicarlle ás persoas interesadas o funcionamento, no vindeiro mes de maio realizarase unha charla informativa para formar sobre o funcionamento a seguir e, a maiores, entregaranse manuais de autocompostaxe que servirán de guía para iniciarse na elaboración do compost.

Todos os veciños que queiran sumarse a esta iniciativa e asistir á formación, na que se fará entrega deste material, deberán inscribirse previamente de maneira presencial no concello ao longo do mes de abril. O obxectivo é asesorar aos participantes en aspectos claves sobre esta técnica, como onde localizar o compostador, os parámetros que inflúen na compostaxe, que refugallos deben depositarse e cales non, os erros máis habituais, etc.

“Este programa ponse en funcionamento para que as vivendas que conten con espazo natural para facelo, poidan ter a oportunidade de autoxestionar a súa materia orgánica e, deste xeito, reciclar os residuos”, segundo subliñan dende o goberno local, que preside Francisco Charlín.