Afaber forma na Laracha ás coidadoras de persoas con demencias neurodexenerativas

O curso vaise desenvolver no centro sociocultural de Vilaño

O presidente de Afaber, no centro, e o alcalde de Laxe, na inauguración do ciclo de cursos

O presidente de Afaber, no centro, e o alcalde de Laxe, na inauguración do ciclo de cursos / AFABER

Baixo o título Coidados compartidos, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Bergantiños (Afaber) vai realizar, co apoio do Concello da Laracha, un curso dirixido ás coidadoras de persoas cunha demencia neurodexenerativa.

A iniciativa pretende achegar aos participantes formación e información sobre o alzheimer e outras demencias, así como explicarlles os servizos e os recursos públicos que teñen á súa disposición para mellorar a atención e a calidade de vida.

O curso vaise desenvolver no centro sociocultural de Vilaño, no lugar da Areosa. Farase en tres sesións os venres 10, 24 e 31 de maio e en horario de 16.00 a 18.40 horas. As persoas interesadas en participar poden ampliar información e formalizar a súa inscrición, que é gratuíta, a partir do próximo luns (29 de abril) no departamento de Servizos Sociais ou contactando directamente con Afaber. Na organización deste programa colaboran a Federación de Alzheimer de Galicia FAGAL e o Festival de La Luz.