Remata a primeira fase da mellora da vía que conecta Noia, Boiro e Lousame

Bernardo Fernández, centro, e Romero, ó seu carón, durante a visita ás obras na estrada Boiro-Noia.

Bernardo Fernández, centro, e Romero, ó seu carón, durante a visita ás obras na estrada Boiro-Noia. / D.C.

A Deputación da Coruña ultima estes días os derradeiros detalles das obras de renovación da capa de rodaxe dos primeiros 5,5 quilómetros da estrada provincial DP-1105, que conecta os concellos de Noia, Boiro e Lousame, e que supuxeron un investimento de case 600.000 euros.

O portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, visitou este luns a zona acompañado pola deputada Sandra González e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero.

Fernández destacou “a importante mellora da seguridade nesta primeira fase das obras dunha estrada clave para a vertebración desta comarca e que ten un importante volume de tráfico”.

Asimesmo, destacou que a Deputación coruñesa pretende “continuar cunha segunda e terceira fases”, renovando tamén o firme no treito que atravesa o termo municipal de Boiro. “Xa estamos traballando nestes proxectos e noutros de gran importancia nesta comarca, como a estrada de Bribes en Boiro, xa está en execución”, apuntou Fernández ao respecto.

Pola súa banda, Romero agradeceu o anuncio de que as obras da estrada DP-1105 terán continuidade no municipio. “É unha vía que conecta as rías de Muros-Noia e de Arousa, cunha grande afluencia de tráfico”, dixo o rexedor, quen pediu que o proxecto teña en conta no treito Cabrales-Moimenta unha mellora do alumeado ou, cando menos, a colocación de captafaros, para mellorar a seguridade nunha zona de frecuentes néboas.