Plan para relanzar o turismo de Costa da Morte co apoio dos alcaldes e deputados

A asociación de profesionais do sector aposta por un cambio de paradigma orientado á profesionalización e baseado na unidade // Convocou tres xuntanzas comarcais cos empresarios para deseñar o camiño a seguir

O Parador de Costa da Morte está abrindo as portas á chegada dun novo perfil de turista. paradores

O Parador de Costa da Morte está abrindo as portas á chegada dun novo perfil de turista. paradores / josé m. ramos

A Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM), da man da nova directiva que asumiu as rendas do colectivo o pasado mes de xullo, e que preside Pepe Formoso, quere darlle un pulo á promoción e posta en valor do xeodestino para situalo no escaparate nacional e internacional.

Pepe Formoso, no centro, cos directivos da Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte. luis polo

Pepe Formoso, no centro, cos directivos da Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte. luis polo / josé m. ramos

“Falamos dun cambio de paradigma, no que as pezas clave serán a profesionalización e a unión”, afirma Formoso. Tanto el como a directiva entenden que é fundamental aglutinar ao sector do turismo e poñer en mans de profesionais a valorización do xeodestino Costa da Morte. “Os directivos nin temos tempo nin a cualificación para xestionar este reto, polo que precisamos de asistencia técnica especializada no sector turístico, pero para iso é necesario dispor de recursos, porque ten un custo que, co número de socios e as cuotas actuais, non é posible facerlle fronte”. Eso sí, engade, “temos moitas ideas e estamos dispostos a poñer todo o esforzo e ilusión da nosa parte”.

Co fin de afrontar o referido reto, o primeiro paso de APTCM foi programar tres reunións para explicar o proxecto e captar novos asociados, “pois entendemos que para poder dicir que representamos a un sector temos que sumar un número de membros que sexa significativo”, sinala o presidente da asociación. A ditas xuntanzas convidarán tamén aos alcaldes dos dezasete concellos que abrangue o colectivo, e tamén deputados, para que estes “tenten estimular aos empresarios e empresarias dos seus municipios, para que a participación sexa masiva”.

Serán xuntanzas comarcais en Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. A primeira terá lugar o vindeiro martes, día 28, no Fórum Carballo, e as seguintes serán nas casas de cultura de Vimianzo e Cee, os días 1 e 2 de marzo, respectivamente. Todas elas comezarán ás 18.00 horas.

Para tentar “crear músculo turístico comarcal” porán sobre a mesa diversas propostas que poidan contribuír a acadar a financiación necesaria para a profesionalización. Unha opción pasa por subir as cuotas, pero “parécenos máis loable que cada socio aporte outros dous asociados, de xeito que tamén eles se involucren directamente para que a asociación medre, pensando sempre en que o obxectivo é desenvolver proxectos que beneficien a todos”. O seguinte paso será convocar unha asemblea na que, en base as conclusións acadadas, “se definirá o camiño que imos seguir”.

O presidente de APTCM, Pepe Formoso, asegura que a Costa da Morte ten todas as potencialidades para ser un xeodestino de referencia, pero para iso “aínda estamos dandos os primeiros pasos, e poderiamos decir que estamos en cueiros se nos comparamos con outras zonas turísticas, como a Ribeira Sacra, entre outras moitas, que levan tempo fomentando o turismo de xeito profesional e con orzamentos moi superiores aos que manexamos aquí”.

Non obstante, di ser “moi optimista”, porque as potencialidades “son brutais, temos natureza, gastronomía, produtos de primeira calidade, o Camiño de Santiago, o Camiño dos Faros, patrimonio subacuático, rutas BTT e somos destino Starlight, pero temos que organizarnos”. A este respecto sinala que “as axencias e turoperadores o que demandan é paquetes turísticos, non que cada un venda o seu hotel ou o seu restaurante, queren unha oferta integral que inclúa todo e que permita aos viaxeiros poder optar entre diferentes alternativas”.

COMUNICACIÓNS. Polo que respecta ás comunicacións, Formoso considera que “non estamos mal, pois temos dous aeroportos e outras tantas estacións de tren a unha hora, autopista e boas estradas”. En canto a infraestruturas hoteleiras, “é certo que non temos hoteis con 300 habitacións, pero o Parador de Muxía pode abrir un nicho importante e as grandes empresas do sector xa o están vendo, pois o referido establecemento da rede estatal está rexistrando unha ocupación media do 92%”. De feito, engade, “hai moita xente que vén aquí polo Parador, e outros moitos non veñen porque non saben que hai outras alternativas de moita calidade”.

Así, subliña, a Costa da Morte é un referente no turismo rural, “e dispón de hoteis con encanto e establecementos rurais cuns servizos de moitísima calidadade; o único que nos falta é autoestima e crer no verdadeiro potencial que temos”.

Pepe Formoso considera ademais que hai recursos aos que non se lles está a sacar todo o rendemento que poden ofrecer, e pon como exemplo os produtos do mar. “É incríble que teñamos os mellores peixes e mariscos e que non haxa xornadas de exaltación dos mesmos, maís aló de degustacións puntuais dun día”.

A este respecto considera que, aproveitando ademais o saber dos profesionais do mar, que son ben coñecedores de cal é a mellor época para degustar cada especie, “poderíanse organizar, a modo de exemplo, a semana ou o mes da centola ou da nécora, e crear un paquete para que os turistas veñan degustar estes manxares a todos os establecementos que se sumen á iniciativa”. E así, engade, con outros produtos do mar e tamén da terra, “o cal contribuiría a potenciar o turismo gastronómico e, ao mesmo tempo, favorecería a desestacionalización da chegada de visitantes”.

DESTINO STARLIGHT. O xeodestino Costa da Morte, que abrangue dezasete concellos (Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) vén de ser distinguido como primeiro destino turístico Starlight da provincia da Coruña, e o cuarto de Galicia, xunto co Parque Nacional Illas Atlánticas, Trevinca e o Concello de Muras.

Unha distinción que lle foi entregada na última edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur), de Madrid, e que conleva o desenvolvemento dun Plan de Medidas de Mellora proposto pola Fundación Starlight, que deberá ser implantado ao longo dos próximos catro anos. Permitirá delimitar cales serán as zonas mellor conservadas e aquelas que garanten unha boa calidade do ceo nocturno.

Esto implicará tamén, segundo Mónica Rodríguez, presidenta da CMAT, o ente xestor do xeodestino, un compromiso para a súa conservación e a vontade público-privada para reducir a contaminación lumínica e mellorar a iluminación pública en exteriores neste territorio.