Ames homenaxeou a Rosalía nunha gala chea de música e de poesía na que se enxalzou o seu feminismo

O acto contou con medio cento de asistentes en representación dos centros de ensino // Actuou a compositora Najla Shami

Alumnado dos centros do ensino de Ames actuando na gala de homenaxe a Rosalía / concello de ames

Alumnado dos centros do ensino de Ames actuando na gala de homenaxe a Rosalía / concello de ames / redacción

redacción

A casa da cultura de Bertamiráns acolleu esta fin de semana unha gala-homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do aniversario da escritora. O evento, que buscaba poñer en valor a obra de Rosalía e destacar a súa valía como figura comprometida e feminista, foi conducido pola xornalista Esther Estévez. A parte musical correu a cargo da cantora e compositora Najla Shami. Ademais, participaron máis de cincuenta persoas en representación dos centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria do concello.

A gala comezou cunha actuación de Najla Shami, seguida dun vídeo preparado pola Escola Infantil do Milladoiro no se que amosaron diferentes poemas de Rosalía ilustrados e recitados polas crianzas.

A continuación, a xornalista Esther Estévez, encargada de presentar o evento, deulle paso á concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e ao alcalde de Ames, Blas García. Escarlata Pampín, tras recitar un dos poemas máis famosos da autora, A xustiza pola man, lembrou a importancia da súa figura, non só como abandeirada da lingua galega, senón tamén como pioneira do feminismo e como referente do compromiso por Galicia. O alcalde, Blas García, tamén leu uns versos de Rosalía e fixo fincapé no vínculo entre as raíces familiares da escritora e a parroquia de Ortoño. Asimesmo, insistiu na riqueza que nos achega a lingua galega e animou aos presentes a empregala.

A comunicadora Paula Señarís foi a seguinte en subir ao escenario, onde tivo a oportunidade de ler o manifesto Cumpriuse a xustiza escrito por Carmen Adán para a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía.

No acto participaron tamén rapaces e rapazas de todos os centros educativos. O terceiro curso de Primaria do CEIP Agro do Muíño recitou o poema Xan, ao son da gaita, do tambor e da pandeireta; despois dous alumnos de sexto presentaron as súas propias regueifas, baixo o título Regueifando con Rosalía. Tamén se proxectou un vídeo do alumnado do CEIP de Barouta, no que se amosou o xardín de Rosalía.