Outes estrea unha escola infantil municipal que substitúe ó Punto de Atención á Infancia e con 30 prazas
O Concello contratou outra mestra e amplioulle a xornada a outra das traballadoras // Está previsto redimensionala cunha aula máis

O alcalde de Outes, Manolo González, durante a súa visita á nova escola infantil / | CONCELLO DE OUTES / suso souto
Este luns abriu as súas portas a nova escola infantil municipal de Outes, que substitúe ó anterior Punto de Atención á Infancia (PAI), amplía servizos e conta cunhas instalacións renovadas situadas no antigo colexio de Cruceiro de Roo.
O alcalde, Manolo González, amosou a súa satisfacción na visita que realizou ás novas instalacións xunto coa tenente de alcalde, Alba Quintela, subliñando que se fai efectiva unha aposta do goberno pola mellora dos servizos de conciliación.
O mandatario indicou que “foi un proceso longo, posto que houbo que adecuar o edificio para acoller a escola infantil, proceso que se prolongou case tres anos”. “Nas últimas semanas estivemos agardando pola autorización da Xunta de Galicia e rematando a contratación de novo persoal”, engadiu González.
A nova escola infantil será de xestión municipal e contará polo momento con dúas aulas con capacidade para acoller ata trinta nenas e nenos, dez máis que o actual PAI.
O Concello tivo ademais que proceder á contratación dunha mestra a maiores así como a ampliarlle a xornada a tempo completo a outra das traballadoras, co que serán cinco profesionais ás que desenvolvan o seu traballo na citada instalación.
O rexedor outense explicou asimesmo que xa traballa co horizonte de abrir unha nova aula para o vindeiro curso, co cal a escola pasaría a acoller a 43 nenos e nenas, e deste xeito atender a demanda existente no municipio. O alcalde subliñou que a posta en marcha da escola infantil solventa unha eiva histórica na localidade e que busca fixar poboación nova no concello de Outes.
Foron dous os motivos que levaron ó executivo local a tomar a decisión de converter o PAI nunha escola infantil. Por unha banda, a gratuidade do servizo decretada pola Xunta e, por outra, o pequeno repunte da natalidade rexistrado en Outes ó longo dos últimos anos.
O ano pasado varias familias quedaron sen prazas para os seus fillos e fillas no PAI, o que, xunto ca gratuidade acordada pola Administración galega, provocou que a demanda deste servizo se vira incrementada.
- Encuentran el cadáver de un hombre encadenado y sumergido en aguas del puerto de Ribeira
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- La casa de la Ribeira Sacra donde rodó Mario Casas se puede alquilar desde 280 euros
- Encuentran de madrugada el cadáver de una persona en el puerto de Ribeira
- Galicia quiere convertirse en el gran plató de las películas y series que se rueden en España
- O_Rubio King Doc Barni, la vaca lechera de Santa Comba que conquistó el título de Gran Campeona de Galicia 2026: 'Mi hermano pequeño y yo siempre tuvimos esta ilusión