Galicia segue sumando sendeiros azuis e repite como a comunidade con máis itinerarios recoñecidos

Costa da Morte acolle tres roteiros con este distintivo // Un deles é o de Saldoiro en Caión, que o obtivo por décimo ano consecutivo

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, izando a bandeira no sendeiro de Caión /Xunta galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, izando a bandeira no sendeiro de Caión /Xunta galicia / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Galicia repite como a comunidade española con máis sendeiros azuis, sumando un total de 35 itinerarios recoñecidos, o que supón 6 máis que o pasado ano 2022, segundo salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez na Laracha.

Desprazouse ata a vila bergantiñana para presidir –xunto co delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; o alcalde, José Manuel López; concelleiros e veciños– o izado do distintivo no sendeiro de Saldoiro de Caión.

Ángeles Vázquez explicou que este recoñecemento, concedido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna.

No caso concreto do Sendeiro de Saldoiro, que obtén este recoñecemento por décimo ano consecutivo, trátase dun itinerario litoral de apenas dous quilómetros que parte do centro de Caión e vai bordeando a praia ata o arroio de Figueirido adentrándose no municipio de Carballo.

Cómpre salientar que este ano Galicia conta con 35 sendeiros azuis pertencentes a 20 concellos, dos que 7 están na provincia da Coruña, 4 na de Lugo e 9 na de Pontevedra. Por municipios, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que Sanxenxo, con 7 itinerarios recoñecidos, é o municipio español con máis galardóns.

En canto á comparativa a nivel nacional, por detrás de Galicia sitúase a Comunidade Valenciana, con 22 itinerarios; Andalucía, na que reciben este recoñecemento 14 rutas; e Murcia, que en 2023 contará cunha decena de sendeiros con bandeira azul.

Logo de lembrar que o ano pasado se organizou por primeira vez en Madrid un acto específico e oficial para recoñecer a todos os sendeiros azuis premiados no país, a conselleira subliñou que nesta ocasión a cerimonia celebrouse en Santiago de Compostela o pasado 24 de febreiro como recoñecemento a ser a comunidade que acumula o maior número de distintivos deste tipo.

De feito, a conselleira subliñou que este ano a entrega dos galardóns adiantouse varios meses con respecto ao habitual –finais de maio– co fin de que todas as rutas poidan lucir as súas insignias xa en Semana Santa e sirvan tamén, desde xeito, como reclamo turístico.

Na Costa da Morte, ademais do sendeiro de Caión, outros dous contan tamén con este recoñecemento. Un deles é a Senda do Mar de Razo-Baldaio (Carballo), un itinerario de 5,5 quilómetros que une o porto de Razo co espazo natural de Baldaio pasando polas praias que ano tras ano veñen revalidando a Bandeira Azul e que contan asemade cos certificados ISO 14001:2015 e o Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS).

O outro e á Ruta Litoral de Camariñas, de 22 quilómetros, que comeza no Museo de Man, en Camelle, e remata no bordo litoral da capital municipal, no Castelo do Soberano.