O alcalde de Padrón preside un Pacto de Amizade entre representantes de dezaseis países europeos

A UE elixiu o proxecto padronés ‘Reforzar a identidade europea en tempos de crise’ para participar no programa ‘Cidadáns, igualdade, dereitos e valores’ // A vila padronesa abriu os encontros que terán lugar en cinco localidades de toda Europa

O alcalde de Padrón preside un Pacto de Amizade entre representantes de dezaseis países europeos

O alcalde de Padrón preside un Pacto de Amizade entre representantes de dezaseis países europeos / Concello de Padrón

Redacción

Padrón foi a principios deste mes de marzo o escenario de sinatura dun Pacto de Amizade que reuniu na Fundación Camilo José Cela representantes europeos dun total de dezaseis países. Encabezados polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, participaron na firma ata 34 membros de once municipios e seis organismos civís europeos, que visitaron a localidade padronesa no marco do programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV) da Rede de Cidades da Unión Europea. Padrón actuou como anfitrión logo de que a UE decidise seleccionar o seu proxecto Reforzar a identidade europea en tempos de crise para participar no programa outorgándolle unha dotación económica de 145.000 euros.

O encontro, que se desenvolveu do 1 ao 4 de marzo, viviu unha emotiva xornada coa sinatura do convenio de irmandade entre todas as delegacións participantes. No acto, que se desenvolveu na Fundación Cela, o alcalde de Padrón quixo aproveitar a ocasión para resaltar o papel da Unión Europea como vertebrador dun espazo común e de entendemento nuns tempos convulsos como os actuais, ao tempo que destacou o labor que a esta fin desenvolven as administracións locais por ser as entidades máis próximas á cidadanía. “O proxecto presentado por Padrón incide en buscar vías de colaboración e lugares de convivencia para que todos xuntos avancemos cara ao futuro. Por iso, é tan importante tamén achegar á xente nova ás distintas administracións europeas”, sinalou Antonio Fernández.

O acto de sinatura pechouse coa entrega de diplomas conmemorativos e contou coa actuación do grupo folclórico de San Pedro de Carcacía, o que permitu que os representantes europeos tiveran a oportunidade de se empapar un pouco máis da nosa cultura. A xornada completouse coa visita do Parlamento de Galicia, na compaña do alcalde de Padrón e a concelleira Lorena Couso, e dun percorrido guiado pola capital do Sar para coñecer a súa historia e os seus atractivos artísticos e naturais.

O proxecto de Padrón é o primeiro que a UE lle aproba a un municipio de Galicia no programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV) e os seus principais obxectivos son ofrecer a oportunidade de coñecer os dereitos da cidadanía europea, os valores e normas democráticas que nos son comúns e reforzar o entendemento impulsando, entre outras medidas unha boa gobernanza local. Para acadar estes obxectivos, Padrón promoverá a participación activa tanto a nivel local como europeo con diferentes actividades como grupos de discusión, obradoiros, visitas culturais, etc, e desenvolverá accións dirixidas á xente nova para involucrala nos procesos políticos e institucionais abordando temas de actualidade.

A iniciativa, que se desenvolverá ata mediados do ano 2024, contempla a celebración de cinco encontros noutras tantas localidades. Tralo primeiro de Padrón, tocaralle a quenda a Figuera da Foz (Portugal), Hal Kirkop (Malta), Andrychow (Polonia) e Kekava (Letonia). Os países participantes son España, Malta, Portugal, Italia, Grecia, Romanía, Eslovaquia, República Checa, Estonia, Lituania, Letonia, Hungría, Eslovenia, Croacia, Bélxica e Polonia.