Chaman a involucrar aos alumnos na infancia para que o 70 % non abandone o galego en Secundaria

Foi unha das principais conclusións do proxecto da Real Academia e o Concello de Ames despois de mergullar 21 días a 3.000 rapaces na lingua de Castelao // Afirman que a experiencia foi positiva e espertou ‘vocacións’

O director do CEIP de Barouta, Alonso Barreiro Caxade, co micrófono na man na reunión coa edil, lingüístas, docentes e pais amesáns / rag

O director do CEIP de Barouta, Alonso Barreiro Caxade, co micrófono na man na reunión coa edil, lingüístas, docentes e pais amesáns / rag / Marcos Manteiga

“Adiantar a intervención ás primeiras etapas educativas, aplicalas a todas as escolas dunha mesma contorna e integrar tamén as actividades complementarias alén do horario lectivo”. Foron algunhas das conclusións que sacaron a Real Academia Galega e o Concello de Ames tras mergullar a 3.000 alumnos durante 21 días na lingua de Castelao... despois de comprobar como o 70 % dos rapaces de Secundaria empregan a cotío o castelán.

A experiencia de 21 días de compromiso lingüístico fíxose dentro do programa Modo galego, actívao!, que ao longo deste curso traballará distintos aspectos nos contextos de socialización infantil. O Seminario de Sociolingüística da RAG ten agora por diante un labor fundamental, que non é outro que analizar en profundidade os resultados da proposta que consistiu en animar aos cativos a se expresar en galego dentro e fóra das aulas, contando coa implicación do profesorado e o monitorado das actividades complementarias de xestión municipal, e apelando á complicidade das familias.

A avaliación farase con distintas ferramentas que sirvan para tirar conclusións útiles, para o Concello de Ames e para calquera outro que queira replicar o proxecto. Pero á espera dese diagnóstico científico, a análise inicial por todas as partes implicadas é optimista.

Así o poñía de manifesto Henrique Monteagudo, vicesecretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística: “As primeiras impresións e valoracións que temos son moi positivas”, apuntaba, considerando “un acerto que por primeira vez participasen nunha experiencia deste tipo todos os centros públicos do concello. Isto creou unha sinerxía e unha potenciación mutua, facilitou que a rapazada seguise falando galego ao saír do colexio coas amizades doutros centros escolares, no parque e noutros contextos, porque estiveron implicados a un tempo preto de 3.000 nenos e nenas”, explica.

“Agora toca avaliar a experiencia e seguir avanzando, aprendendo entre todos e todas, e continuar coas seguintes fase do proxecto”, dixo.

Valoracións

Este primeiro encontro para intercambiar valoracións tivo como marco a casa da cultura de Bertamiráns, e incluíu ás familias e docentes. Concebiuse tamén polas dúas institucións promotoras como un recoñecemento público á implicación dos mestres, dende cadansúa aula e a nivel de centro, e das nais e pais e as asociacións ao redor das cales se organizan, todos eles axentes esenciais para o éxito da experiencia.

Xunto a Monteagudo estiveron Gabino Vázquez-Grandío, técnico do mesmo seminario, e Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística de Ames, xunto con Enrique Gil Gil, coordinador do EDLG do CEP de Ventín; Javier Cacheiro López, presidente da ANPA do mesmo colexio; Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta; e Mª Carmen Liñares Liñares, directora de Agro do Muíño.

No acto estreouse ademais un vídeo de sensibilización protagonizado por alumnado e pais, e que pode xa verse nas redes sociais da Academia e do Concello de Ames.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, compartiu esa impresión positiva e a “moi boa acollida” que obtivo a iniciativa. “Coido que foi unha proposta que convidou á reflexión lingüística por parte dos nenos e nenas, de toda a comunidade educativa e das familias. Este feito xa é moi positivo. Dende o Concello de Ames seguiremos traballando arreo no proxecto de intervención Modo galego, actívao! de xeito colaborativo coa RAG para, entre todos e todas, reverter a situación da nosa lingua entre os nenos e nenas do noso municipio”, sinalou.

Pola súa banda, Enrique Gil destaca outro factor fundamental que se repite entre as primeiras impresións: a implicación das familias. E coincide tamén cos compañeiros doutros centros en resaltar a calidade das propostas de intervención trasladadas ás escolas dende o Seminario de Sociolingüística: “Son moi actuais, lonxe de clixés, e de interese para os nenos e nenas”.

[object Object]

Para Alonso Barreiro Caxade, director do CEIP de Barouta, o termo clave é “conciencia lingüística”. “Entre as horas no colexio e as do tempo de conciliación co modo galego activado conseguimos un número de horas en galego importante, sobre todo para crear actitude”, reflexiona. “O proxecto serviu non só para promover que a rapazada que se expresa habitualmente en idioma galego o mantivese de maneira máis constante, senón que tamén funcionou para espertar o interese de quenes non o falan”, engade.

“É unha iniciativa moi necesaria para dotar á rapazada dun espazo no que se expresar en galego sen ser xulgada”, coincide Mª Carmen Liñares Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño. “En moitos casos a presión de grupo fai que os cativos e cativas non cheguen a intentar falalo porque se senten diferentes, e os que teñen o galego na casa como lingua vehicular van abandonándoo ao chegar ao sistema educativo. Modo galego, actívao! potencia que todos poidan falalo, é un punto de partida que permite crear unha rutina en galego, abrir os contextos”, valora ao respecto.

“Máis alá do efecto que poida ter sobre a concienciación, vemos que estas experiencias de inmersión lingüística son un reforzo positivo para o alumnado galegofalante. É unha experiencia de apoderamento e un reforzo para a igualdade na convivencia entre pares”, constata Gabino Vázquez-Grandío. Pola súa banda, Enrique Gil sinala outro factor fundamental que se repite entre as primeiras impresións: a fundamental implicación das familias.

Tamén aportou Javier Cacheiro, presidente da ANPA do mesmo colexio de Ventín, organización que abrazou con ánimo o proxecto e estendeuno ás fins de semanas con novas actividades. As súas dúas fillas estaban ata o momento instaladas no castelán, malia falárenlles a nai e mais el sempre en galego. “Gustoulles moito a experiencia, volvían do colexio moi motivadas. Xerouse realmente un contorno que axudou a que falasen en galego; doutro xeito sería moi difícil”, confesa. Logo dos 21 días de compromiso lingüístico, a filla maior, alumna de 6º, decidiu que en diante seguirá na casa a expresarse en galego; a pequena dixo que vai pensalo. Un primeiro paso no ámbito familiar que, confía, propicie máis.

A experiencia é unha adaptación de 21 días co galego, unha idea orixinal de Pilar Ponte (que tamén colaborou como asesora deste programa), pero que introduce como novidades, ademais da abordaxe a nivel de Concello, a extensión da intervención aos servizos de conciliación e actividades extraescolares e o adiantamento das accións ás etapas de Infantil e Primaria no canto de agardar á Secundaria.

“Infantil e Primaria son contextos moi propicios para a intervención, xa que son etapas que contan cun alumnado receptivo e con actitudes positivas. Con maior ou menor interese, cremos que os nenos e nenas viviron estas tres semanas como un reto e un desafío divertido e sen episodios de conflitividade salientables”, sinala Gabino Vázquez-Grandío, encargado de dinamizar o blog que serviu de guía ao profesorado e ás familias, con propostas semanais, actividades e recursos lúdicos e didácticos complementarios.