O Concello de Zas toma o mando da campaña ‘Baio ten a pelota’ para dinamizar o comercio local

Celebrarase na segunda fin de semana de maio // A asociación de empresarios, promotora e organizadora, segue sen xunta directiva

O alcalde de Zas, no centro, na presentación da campaña ‘Baio ten a pelota’ do ano 2022 / CONCELLO DE ZAS

O alcalde de Zas, no centro, na presentación da campaña ‘Baio ten a pelota’ do ano 2022 / CONCELLO DE ZAS / redacción

Redacción

O Concello de Zas asumirá a organización dunha nova edición da campaña de dinamización comercial Baio ten a pelota, xa que a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, promotora e impulsora da iniciativa en 2015, segue sen xunta directiva despois de que dimitisen os membros do órgano rector que presidía Tatiana Rellán.

Ante esta situación, membros do equipo de goberno local, que preside Manuel Muíño, mantiveron unha xuntanza cos representantes dos sectores comercial, hostaleiro e do automóbil de Baio e A Piroga, que amosaron a súa preocupación polo futuro de campañas como Baio ten a pelota ou o Punto Rojo, que tan bos resultados viñan ofrecendo.

Durante o encontro, os asistentes, que eran ao redor de 50, expuxeron ademais as súas peticións e fixeron un repaso da situación actual que atravesan, na que a mitigación da suba dos costes e a falta de persoal son dous dos seus principais problemas.

Dende o goberno local ofrecéuselles a posibilidade de que fose o propio Concello de Zas o organizador da campaña Baio ten a pelota, que se celebrará como é de costume (a segunda fin de semana do mes de maio) e manterá o seu chamativo distintivo: as pelotas xigantes de cor amarelo que xa se converteron nun símbolo do comercio local baiés.

“Houbo total unanimidade, polo que o Concello encargarase tanto da organización coma dos gastos desta campaña comercial; e, pola nosa parte, pedímoslle toda a colaboración posible e animámolos a que participasen na campaña o maior número de comercios posible”, afirma o alcalde Manuel Muíño. Agardamos, engadiu, que para a próxima campaña comercial haxa unha nova directiva na asociación de empresarios que se encargue da organización do evento, tal e como o viña facendo ata o momento co apoio do Concello”, precisaba.

Aínda que a economía atravesa momentos difíciles en todo o territorio nacional, o alcalde de Zas recordou que Baio segue a ser un referente comercial para toda a Costa da Morte. Unha mostra diso, engadiu, é que “no último ano freouse a tendencia demográfica, e tan só hai un habitante menos en todo o municipio con respecto ao ano anterior. Segundo os datos do INE –Instituto Nacional de Estadística–, o noso municipio rexistrou nos últimos anos un saldo vexetativo negativo dunhas 180 persoas. Este ano foi de tan só unha persoa, o que indica que aínda que os falacementos continúan superando ao número de nacementos mitigamos este efecto con novos empadroamentos que se rexistraron principalmente na parroquia de Baio”, sinala o rexedor.

Por outra banda, Manuel Muíño animou aos empresarios a que formen unha nova directiva para que a Asociación Comarca de Soneira continúe dinamizando a actividade empresarial da zona. Así mesmo, ofreceulle a colaboración do Concello de Zas en todo o posible, “tal e como vén facendo até o de agora”.

ASEMBLEA

. Está previsto que a mediados de abril se celebre outra xuntanza co propósito de formar unha nova directiva, logo de que nas últimas asembleas ningún dos socios quixese dar un paso ao fronte para tomar o relevo do equipo directivo que presidía Tatiana Rellán.