Noia inicia a rehabilitación do estaleiro de Hermida para darlle usos náuticos

A vella carpintería de ribeira, construída en 1965, preside o paseo do bordo litoral en Abruñeiras // Para reducir o risco de inundación das instalacións, elevarase o nivel interior do inmoble // O complexo está formado por tres naves, o que ofrece un gran potencial para a nova funcionalidade // A reforma estará lista en tres meses

Instalacións da antiga carpintería de ribeira de Hermida, ubicadas en Abruñeiras (Noia) ó final do paseo polo bordo litoral da ría / concello de noia

Instalacións da antiga carpintería de ribeira de Hermida, ubicadas en Abruñeiras (Noia) ó final do paseo polo bordo litoral da ría / concello de noia / suso souto

Tras a recente musealización da antiga carpintería de ribeira Ciprián, de Outes, agora é o Concello de Noia o que dá un paso adiante na recuperación dun estaleiro tradicional, neste caso o de Hermida, situado nunha contorna privilexiada e que terá unha nova vida útil como edificio de usos náuticos. A obra de rehabilitación do complexo (construído en 1965 e que estivo en activo como estaleiro ata hai dúas décadas) foi adxudicada por 379.988 € á empresa Arines Obras y Proyectos S.L. e dará comezo nos vindeiros días. Ten un prazo de execución de tres meses.

A vella carpintería de ribeira está ubicada en Abruñeiras (Barro), xusto ó final do paseo polo bordo da ría. Estivo a piques de ser derrubada para recuperar o dominio público marítimo-terrestre ó estado natural, pero foi doada ó Concello.

A actuación deseñada ten un dobre obxectivo: por unha parte, recuperar un inmoble que se atopa nunhas malas condicións de conservación e que tiña un forte impacto paisaxístico sobre o paseo marítimo de Noia e, por outra, poñelo en valor como instalación náutico-deportiva.

O complexo ocupa unha superficie de 863 metros cadrados. Está formado por unha nave principal de planta rectangular que leva adosada unha segunda nave na fachada sur, de menor altura, así como un terceiro inmoble na fachada norte cun depósito de auga elevado sobre unha estrutura independente.

Para dar resposta ás necesidades do Club de Remo de Noia, o proxecto inclúe a habilitación de dous hangares de embarcacións, un taller de reparacións, un foso interior, dous vestiarios, un almacén e unha zona de vestíbulo. A intención é destinar a nave central e a nave sur a hangares de embarcacións e zona de reparacións para o Club de Remo de Noia, mentres que os vestiarios e a entrada ao complexo estarán na nave norte. Como elemento singular realizarase un foso para adestramentos ao este da nave central.

Tendo en conta a proximidade ao mar e para reducir riscos de inundación das instalacións, as obras incluirán a elevación do nivel interior do inmoble cunha soleira e o aproveitamento dese oco para incluír as instalacións de saneamento.

Os traballos (que contemplan tamén o saneado das fachadas e novas instalacións de electricidade, alumeado, fontanería, saneamento e ventilación) darán continuidade á recuperación ambiental do bordo marítimo da costa de Abruñeiras iniciada na lexislatura pasada e que contou cun investimento de 60.000 euros. Daquela, entre outras actuacións, acondicionouse un sendeiro peonil entre Punta Abruñeiras e Río do Porto. Con esta segunda fase intégrase paisaxisticamente e ponse en valor o antigo estaleiro.