Visitas guiadas, obradoiros, xogos e exposicións encherán de vida as Torres do Allo de Zas

Manuel Muíño, á esquerda, Natalia Espasandín e o técnico Leonardo González presentaron a programación

Manuel Muíño, á esquerda, Natalia Espasandín e o técnico Leonardo González presentaron a programación / J. M.

J. M. Ramos

Coa chegada da primavera, as Torres do Allo, de Zas, encheranse de vida grazas a un amplo programa de actividades lúdicas e culturais que foi presentado este mércores polo alcalde, Manuel Muíño, e a concelleira de Patrimonio, Natalia Espasandín. O rexedor manifestou o obxectivo do Concello de Zas de converter ao emblemático pazo nun referente cultural na Costa da Morte á través dunha programación "que ano tras ano aposta pola calidade e a diversidade da súa oferta".

A primeira cita será coa chegada inminente da Semana Santa, cando o pazo ampliará os seus horarios abrindo de maneira continuada entre os días 1 e 9 e abril en horario de 11.00 a 20.00 horas. Todas aquelas persoas que desexen afondar un pouco máis na apaixonante historia das Torres terán a posibilidade de participar nunha das visitas guiadas diarias ás 13.00 e ás 17.00 horas e os máis cativos contarán coa opción do Xogo de Pistas A aventura do Allo.

En maio inaugurarase unha nova exposición temporal titulada Terra de pazos, na que se fará un percorrido polos principais pazos do concello de Zas e a singular arquitectura fidalga da Costa da Morte.

Ao longo do ano terán especial importancia as actividades orientadas a nenos e nenas entre as que destacan os obradoiros especiais temáticos. O primeiro deles terá lugar o 22 de abril para conmemorar o Día Mundial da Terra. Posteriormente, o 13 de maio farase un taller para conmemorar o día das letras galegas, dedicado este ano ao intelectual Francisco Fernández del Riego; continuarase co tradicional obradoiro de San Xoán o 23 de xuño e rematarase o ano con dous talleres de Nadal o 16 e 17 de decembro.

De cara ao verán, o pazo será tomado pola cativada que participará no campamento Zas no verán 2023, e a música seguirá sendo un dos principais atractivos das Torres co dúo Tania Caamaño e Andrés Boutureira, que actuarán o 19 de xullo pola tarde. O programa Contos nas Torres, dedicado á narración oral, traerá a dous artistas de primeiro nivel: María da Pontragha o 19 de agosto e a Caxoto o 25 de agosto.

Durante os domingos de xullo e agosto realizaranse as populares visitas teatralizadas da man dos Quinquilláns, que mostrarán os secretos e a historia do pazo a través das figuras do célebre naturalista galego Victor López Seoane e a súa dona e primeira muller propietaria das Torres, Francisca Rioboo.

Volve o popular Escape Room do Allo, este ano mudando narrativa e con novos retos orientado ao público xuvenil e adulto. Este apaixonante xogo de escapismo estará dispoñible baixo reserva nos meses de xullo, agosto e setembro.

E o 31 de agosto festexarase a tradicional Romaría de San Ramón que este ano ampliará a súa oferta de actividades. Comezará co Mercado de Artesanía Tradicional pola mañá, continuará coa actuación musical do trío Ailá na sesión vermú, despois haber unha comida campestre no contorno das Torres e pola tarde actividades para nenos e nenas da man de Paco Nogueira e o seu espectáculo C@nto Contigo!

No outono, o 28 de outubro chegará o Samaín ao pazo cunha completa xornada na que se incluirá un obradoiro para nenos e nenas, magosto e música tradicional.