Padrón e Santiago renovan o seu compromiso de traballar xuntos

Ambos concellos conmemoraron este luns o seu irmandamento no día que a Pascua lle dedica á capital galega // A tradición xacobea, Rosalía e as vindeiras eleccións municipais de maio non faltaron nos discuros dos alcaldes das dúas vilas

Padrón e Santiago volveron renovar o acto de irmandade durante o día que as Festas de Pascua lle dedican á capital de Galicia. Os dous alcaldes reiteraron o compromiso de seguir colaborando conxuntamente para que prosperen ambos municipios nun Día de Santiago na capital do Sar que será o último que celebren as actuais corporacións municipais. O rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, agradeceu o traballo dos tres concelleiros que non se presentan ás vindeiras eleccións: Camilo Forján e Francisco Almeida (PSdeG) e Eloy Rodríguez (CxG).

Asimesmo, lembrou os lazos que unen a ambos municipios, dende que os discípulos do Apóstolo trouxeron o seu corpo ata Padrón e comezou a tradición xacobea, que cada ano está atraendo a un maior número de peregrinos. E volveu lembrar a Rosalía de Castro, compostelá de nacemento e que pasou gran parte da súa vida en Padrón.

As eleccións municipais que se celebran o día 28 de maio estiveron presentes nos discursos de ambos alcaldes, que animaron ás vindeiras corporacións a seguir colaborando para continuar co progreso da comarca. Neste senso, e vinculado ao Camiño de Santiago, Fernández Angueira animou a utilizar o termo ultreia, na acepción de “seguir adiante”. O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, tamén facía referencia a que este é o último acto da presente lexislatura, pois no Día de Padrón en Santiago, que se celebra en xullo, “xa serán outras corporacións, aínda que sigamos moitos dos actuais edís. O importante é que todo teña continuidade”, asegurou.

Na súa resposta ao anfitrión, Sánchez Bugallo destacou o crecemento e a puxanza do tecido industrial de Padrón, que xera postos de traballo e dá “moito dinamismo para toda a área compostelá”. Bugallo tamén fixo referencia ao crecemento do turismo como motor económico da comarca, e lembrou que este ano se seguen superando as cifras récord de anos precedentes. “O importante é seguir construíndo. Seguiremos traballando xuntos para buscar o mellor para Santiago de Compostela e para Padrón”, asegurou.

O Día de Santiago en Padrón comezou na entrada da rúa Real, co intercambio de pendóns entre os concelleiros Francisco García (Padrón) e Gonzalo Muíños (Santiago) e o saúdo dos membros de ambas corporacións. Tras o acto protocolario no salón de plenos, ambos alcaldes e os concelleiros presenciaron dende o balcón a actuación das bandas municipais de música de Padrón e Santiago, que interpretaron varias pezas, rematando cos himnos de Galicia e de España. O concerto da Banda de Música de Santiago na Praza de Macías poñía o colofón a este acto de renovación do irmandamento entre Padrón e Compostela.

Padrón continúa a vivir as Festas de Pascua, que “transcorren con normalidade e coa presencia de moita xente, o que representa unha taxa de retorno importante para a hostalería e o comercio da vila”, dixo o alcalde padronés. Fernández volveu reiterar que a Pascua, declarada de Interese Turístico de Galicia, é “un motor económico máis, xunto co industrial, o cultural e o turístico, para o municipio”. As orquestras Atenas e Panorama animaron a verbena. E hoxe actúa a París de Noia.