Andrea Maceiras abriu o Mes do Libro no instituto de Baio

Andrea Maceiras, á dereita, con dúas das alumnas do instituto / IES Baio

Andrea Maceiras, á dereita, con dúas das alumnas do instituto / IES Baio / J. M.

A escritora Andrea Maceiras inaugurou o ciclo de encontros literarios no IES Maximino Romero de Lema, de Baio, enmarcado na quinta edición do Mes do Libro. Compartiu reflexións arredor da súa obra Que me pare o corazón se te esquezo co alumnado de 3º ESO e do club de lectura de 1º FPB e 4º ESO. As alumnas Estela e Milena, foron as encargadas de presentar a autora galega, que lles falou do que é a literatura para ela, das razóns da súa escrita (expresar o que sente) e das fontes nas que bebe (experiencia propia, historias que lle contan, na prensa e na realidade que observa). Despois entrou de cheo na temática do libro: os retos virais e a saúde mental que reflicten.

Nas vindeiras semanas visitarán o instituto baiés María Rei Vila (día 18), Antón Cortizas (día 19), Rocío Leira (día 24), María Canosa (día 28) e María Solar (día 8 de maio). Ademais, o día 20 o alumnado de 1º ESO e do Club de Lectura de 2º ESO seguirán as pegadas de Picasso na Coruña, e o día 21 farán lecturas compartidas cos escolares do Labarta Pose.