Recuperan o sendeiro do Deza e dótano de maior seguridade

Mónica González e o alcalde, Manuel Cuiña, supervisando o sendeiro /c.

Mónica González e o alcalde, Manuel Cuiña, supervisando o sendeiro /c. / redac.

Redacción

O Concello de Silleda rematou xa os traballos de mellora no tramo que lle corresponde do sendeiro do Deza, un dos primeiros que se homologaron en Galicia no seu día, e que discorre dende a Fervenza do Toxa, na parroquia de Pazos, ata o mosteiro de Carboeiro, con algo máis de 6 quilómetros de lonxitude. Baixo o título Recuperación, mellora da seguridade, accesibilidade e sinalización do Sendeiro do Deza”, esta dotación vén a subsanar unha serie de deficiencias para contar co pleno desfrute do roteiro, un dos máis concorridos do municipio, realizando melloras en materia de seguridade e accesibilidade, completando e repoñendo a sinalización. A actuación, cun orzamento de 46.000 euros, recibiu o visto bo da Xunta, no marco das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos da Rede Natura 2000, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Así, o proxecto financiado a súa maior parte con fondos municipais, conta cunha axuda de 20.000 €.