Impulsan en Ribeira ‘Un mar de amicos’ para fomentar o emprego e o turismo inclusivos

Involucrarán a entidades de economía social para valorizar o patrimonio pesqueiro e favorecer a inserción de persoas con diversidade // A iniciativa, que terá ámbito comarcal, contempla tamén un programa de formación

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na presentación en Ribeira / XUNTA

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou na presentación en Ribeira / XUNTA / REDACCIÓN

Redacción

Fomentar o emprego e o turismo inclusivos son os obxectivos do proxecto Un mar de amicos, que se desenvolverá na comarca de Barbanza logo de ser presentado este venres na lonxa de Ribeira.

Ao acto sumouse a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, quen puxo en valor esta iniciativa promovida pola Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar) e a Asociación Amicos co fin de fomentar o turismo accesible e favorecer a empregabilidade de persoas con discapacidade. Contan co apoio da rede galega Eusumo, coa que a Xunta de Galicia impulsa a economía social.

Toca subliñou a dobre vertente desta iniciativa xa que, por unha banda, desenvolve un programa de turismo accesible e inclusivo no ámbito do patrimonio marítimo pesqueiro a través das entidades de economía social e, por outra, favorece a empregabilidade de persoas con diversidade.

Un mar de amicos contempla a realización de diferentes actividades de carácter turístico e a elaboración dunha guía de boas prácticas en turismo accesible e inclusivo na promoción do patrimonio marítimo pesqueiro da comunidade.

Fudamar e Amicos impulsarán agora un programa de formación para entidades que queiran ser “visitables” na comarca do Barbanza, ao tempo que captarán axentes de turismo inclusivo. Teñen previsto iniciar as visitas e as actividades no vindeiro mes de xuño.

“Este programa é unha mostra máis da aposta que a Xunta de Galicia realiza a través da Rede Eusumo, que traballa no impulso da economía social para alumear entidades novas neste sector e titorizar proxectos enmarcados nesta fórmula solidaria de negocio, comprometida coa súa contorna”, indicou Toca.

Grazas á Rede Eusumo ofrécese asesoramento e acompañamento para emprender unha actividade no marco da economía social nalgunha das súas fórmulas (cooperativas, empresas de inserción, centros especiais de emprego, sociedades laborais...). Tamén se dispensa formación para que as entidades do sector melloren a súa competitividade en materias como contabilidade, internacionalización, marketing dixital, comunicación, ferramentas dixitais innovadoras, etc.

A Rede Eusumo naceu hai dez anos con tres obxectivos: fomentar o espírito emprendedor a través da economía social; impulsar o modelo empresarial da economía social no ámbito local, e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base nestas fórmulas de negocio.

ECONOMÍA SOCIAL.

Na actualidade, está integrada por noventa e cinco entidades sociais entre as que se atopan: asociacións de entidades de economía social; administracións públicas (concellos, mancomunidades, deputacións); cámaras de comercio, e organizacións profesionais, empresariais e sindicais; asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro; cooperativas galegas; asociacións de desenvolvemento rural e grupos de acción local; e universidades.