A Pobra dará a coñecer o río Pedras cunha ruta xeolóxica

Hermo, esquerda, e Beatriz González / c.p.

Hermo, esquerda, e Beatriz González / c.p. / suso souto

A chegada do bo tempo anima a emprender actividades lúdico-formativas ao aire libre, polo que a concelleira de Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, Genoveva Hermo, xunto coa técnica municipal desta área, Beatriz González, presentaron unha ruta xeolóxica polo río das Pedras coa finalizade de poñer en valor a riqueza do territorio nesa zona do municipio, ademais de dar a coñecer o proceso de formación da paisaxe e a súa evolución no tempo. O xeólogo Francisco Canosa Martínez guiará esta proposta o vindeiro domingo día 23 de abril. A praza Alcalde Segundo Durán será o punto de encontro dos participantes ás 10.00 horas. Logo, desprazaranse en vehículos particulares ao aparcadoiro da Aldea Vella, para dende alí iniciar a pé un itinerario que, ao longo de cinco quilómetros, percorrerá a contorna dun dos espazos naturais máis emblemáticos da localidade. Establécense un total de vinte prazas e as inscricións efectuaranse de balde a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal. O curso do río Pedras atesoura pequenas cascadas, pozas e saltos de auga, unha ponte medieval situada preto dos restos do convento de San Xoán da Misarela, e as piscinas naturais, un dos principais recursos turísticos do concello.