O Salón de Vehículos de Ocasión xerou vendas por máis dun millón de euros

As firmas puxeron á venta máis de trescentos vehículos Kilómetro 0, seminovos, de ocasión e de segunda mán

Compradores no salón celebrado na Estrada / fundación do moble

Compradores no salón celebrado na Estrada / fundación do moble / s. e.

O 7º Salón do Vehículo de Ocasión, celebrado no recinto feiral da Estrada, foi avalado unha vez máis polas visitas. Con respecto á pasada edición incrementouse lixeiramente a cifra de asistentes. O momento de maior afluencia foi o sábado pola tarde, pero desde a organización destacan que o máis positivo e salientable desta mostra foi o volume de negocio xerado, superior ao millón de euros, “o que contribúe de xeito significativo a dinamizar a economía da comarca e da comunidade autónoma”, sinalan ao respecto.

Segundo os datos facilitados polas firmas expositoras presentes á organización, a media tarde do domingo xa se venderan un total de cincuenta vehículos, quedando aínda pendente de pechar novas transaccións ao longo da tarde e mesmo algunhas para os vindeiros días.

Ademais, o feito de que nestes tres días de duración do certame se superase o millón de euros en vendas fai que aínda non sendo o salón máis visitado debido ás características específicas do mesmo, sexa sen embargo un dos que máis volume de negocio xera conxuntamente coa Feira do Moble de Galicia.

A organización explica que non se debe esquecer, igualmente, a marxe do volume de negocio anual que xera o recinto, pois durante o ano pasado os eventos celebrados foron visitados por un total de 15.000 persoas, o que incide no impacto socioeconómico da contorna, véndose beneficiados principalmente os sectores da hostelería e o comercio e as estacións de servizo locais.

Cómpre indicar que, coincidindo co peche do certame, realizouse un sorteo de vinte vales de combustible, limpeza e lavado de vehículos entre os visitantes que depositaron as súas entradas na urna. Os vales foron patrocinados polas estacións de servizo locais SB, Strada e Servicios Puente Liñares. Os agasallados serán contactados telefonicamente para que retiren os vales na entidade organizadora para poder canxealos.

A organización quixo agradecer a presenza das doce firmas participantes no certame que se celebrou desde o venres no Pazo de Exposicións e Congresos da Estrada.

As firmas puxeron á venta máis de trescentos vehículos Kilómetro 0, seminovos, de ocasión e de segunda mán a prezos que oscilaban entre os catro mil e os cincuenta mil euros.

O público que visitou o salón tivo unha ampla gama de marcas para poder elixir os seus modelos, a prezos moi competitivos e cunha financiación individualizada e para os compradores na feira.

Segundo a patronal Faconauto, e tras meses de caídas, as matriculacións incrementáronse nos últimos meses e o mercado de ocasión e segunda man vive un bo momento.

Por cada vehículo novo véndense dous de ocasión, segundo engaden as mencionadas fontes, que consideran que feiras como a da Estrada dan un importante impulso ao sector.