O BNG pide programas de loita contra o fracaso escolar desde o eido local como Escola de Vida

A iniciativa do Concello de Oroso ofrece ao estudantado ferramentas materiais e emocionais mediante un servizo de psicoloxía

Ana Pontón se reúne con representantes de pequeños comercios en Arteixo

Ana Pontón se reúne con representantes de pequeños comercios en Arteixo / Cabalar

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este martes os programas contra o fracaso escolar que desde o ámbito municipal impulsan os concelleiros nacionalistas como é o caso de Escola de Vida, en marcha no concello de Oroso.

Con motivo do Día Mundial contra o Acoso Escolar, Pontón visitou Oroso para manter un encontro con membros da comunidade educativa e traballadores do ámbito social para coñecer de primeira man o programa Escola de Vida, impulsado pola concelleira do BNG Isabel Fernández.

Este programa fai unha aproximación integral ao problema do fracaso escolar co obxectivo de que ningún neno poña en perigo a súa formación debido a esta cuestión.

A través desta iniciativa, ofrécenselle ao estudante ferramentas materiais e emocionais que lle poidan axudar a superar ese fracaso mediante un servizo de psicoloxía para darlle, tanto aos estudantes como ás súas familias, instrumentos e habilidades para afrontar unha situación que pode ter moitas variantes.

Pontón reiterou que "é necesario que haxa máis medios e máis recursos para loitar contra este tema que, en numerosas ocasións, vai da man de problemas de fracaso escolar e de saúde mental". "En Galiza hai datos moi preocupantes”, declarou Pontón, "na actualidade o 30% das que consultas dos centros de saúde están relacionadas coa saúde mental, Galiza encabeza a lista de comunidades autónomas en consumo de psicofármacos e estamos tamén en cifras moi elevadas de suicidios, por riba da media estatal e europea” advertiu a portavoz nacional.

Pontón puxo o foco na necesidade e importancia de poñer en marcha iniciativas como Escola de Vida por parte dos concellos, pero alertou de que "non van suplir as necesidades e as carencias que hai se o actual Goberno do PP na Xunta non dota de máis medios e máis recursos todo o relacionado coa saúde mental".

Pequenos comercios

Tras esta visita, Pontón desprazouse á localidade de Arteixo para participar nunha reunión con representantes de pequenos comercios xa que a aposta "decidida polo comercio local e de proximidade" é unha das principais bandeiras do Bloque nos comicios municipais do próximo maio.

A líder do Bloque incidiu en que "o comercio local non só achega riqueza e emprego" senón que tamén revitaliza os barrios e as cidades e lamenta que a Xunta, á súa parecer, o ignore.

Por iso, en Arteixo, Pontón lembrou varias das propostas que o BNG lanza para o comercio local como unha Lei de comercio ou un Plan integral de promoción do comercio local.

Tamén propoñen unha moratoria para a instalación de grandes superficies comerciais e a promoción unha plataforma galega de venda en liña que permita adaptarse á nova tendencia de compra, pero sen someterse ás regras de grandes multinacionais.