O chef Miguel Giaquinto leva a Bilbao o polbo, os grelos e os boletus de Bergantiños

Miguel Giaquinto, cociñeiro de Carballo, na feira Expovacaciones, de Bilbao

Miguel Giaquinto, cociñeiro de Carballo, na feira Expovacaciones, de Bilbao / Deputación da Coruña

Redacción

O cociñeiro Miguel Giaquinto, de Carballo, foi o encargado de abrir o programa de showcookings cos que a Deputación da Coruña está a promocionar a gastronomía da provincia na feira Expovacaciones, de Bilbao. Alí elaborou unha receita de rissotto en dous tempos con boletus da comarca de Bergantiños e un prato de pasta de Galicia con grelos e polbo.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou que Giaquinto exerceu de embaixador de produtos da Costa da Morte cunha “fusión moi interesante, que combina unha cociña de concepto italiano co produto de proximidade, o que encaixa perfectamente na fiolosofía da campaña A provincia que sabe, baseada en parámetros de sustentabilidade e compromiso co territorio”.

Este sábado será o turno do cociñeiro Antonio Amenedo, de Oza-Cesuras, quen dará a coñecer a gastronomía da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e o domingo o chef Miguel Mosteiro, de Boiro, promocionará os produtos da comarca de Barbanza-Arousa. Cada un realizará dúas sesións de cociña en directo e darán a coñecer os recursos das súas respectivas comarcas.