A maxia do encaixe, a súa historia e o son dos bolillos engaiolan aos hóspedes do Parador de Muxía

Lucita Figueroa divulga esta centenaria arte no establecemento // Convida a vivir a experiencia de sentirse palilleira por un día

Lucita Figueroa, coa súa nai, Mercedes Rodríguez, premiada co Antonio Fraguas, no Parador de Muxía /j. m. R.

Lucita Figueroa, coa súa nai, Mercedes Rodríguez, premiada co Antonio Fraguas, no Parador de Muxía /j. m. R. / josé m. ramos

A centenaria arte do encaixe segue máis viva ca nunca grazas á transmisión, de xeración en xeración, dun oficio que pasou de ser o reforzo de moitas economías familiares na Costa da Morte a converterse, hoxe en día, nun complemento de gran valor para as coleccións de moda de grandes deseñadores.

A historia das puntillas, a maxia do encaixe e o son dos bolillos están agora presentes no Parador Costa da Morte, en Muxía, da man da palilleira muxiana Lucita Figueroa, quen se encarga de achegar aos hóspedes todo o que hai detrás desta artesanía, ofrecéndolles exhibicións en vivo e tamén as marabillas que, co seu saber, xorden dun perfecto entrelazamento de fíos cos seus palillos.

Unha iniciativa enmarcada na experiencia Naturaleza para los Sentidos, que oferta Paradores e que inclúe a posibilidade de sentirse palilleira por un día e coñecer como eran as tradicionais palilladas, sempre que se faga reserva previa. Uns dos primeiros que se sumaron á iniciativa foron uns nenos de Cartagena de Indias (Colombia), “que incluso levaron unha almofada de palillar para o seu país”, asegura Lucita.

“A xente queda impresionada, e di que facemos maxia ao ver como con só uns fíos e uns bolillos se poden facer auténticas obras de arte”, engade. “Algunhas persoas que pasaron por aquí mesmo se emocionaron ao verme palillar, porque dicían que lle recordaba o que facían as súa avóas”.

E non só valoran o seu bo facer, senón que tamén hai quen asegura “que o son dos bolillos lles resulta moi relaxante e que lles fai sentir ben”, engade a palilleira muxiana, quen, á súa vez, di sentirse “moi contenta por poder dar a coñecer e promocionar o encaixe na miña terra”.

Un oficio, o de palilleira, que Lucita Figueroa aprendeu da súa nai, Mercedes Rodríguez Miñones, que esta fin de semana, con 96 anos, tamén se sumou á exhibición en vivo que ambas ofreceron no Parador. Nai e filla foron as grandes protagonistas do I Certame Antonio Fraguas de Artesanía, celebrado no ano 1998, e que convoca anualmente a Deputación da Coruña. Mercedes acadou o primeiro premio coa peza de encaixe Camino de Mesa, e Lucita foi finalista cunha colcha de cama.

As dúas comezaron a tecer con bolillos sendo nenas. Mercedes lembra que lle ensinaron o oficio dende os catro anos, “e cando tiña 6 miña nai collíame no regazo e poñíame fronte a almofada para que aprendese a manexar os pares”. Dende entón e ata hoxe, a súa vida estivo sempre vinculada ao encaixe. “Meus pais non querían que fose traballar no campo, dicíanme que palillara porque daquela, aínda sendo unha nena, xa gañaba cinco pesos á semana”, afirma. Eran outros tempos, e lembra como durante a Guerra Civil “algunhas palilleiras que non tiñan outros recursos tiveron que ir a pedir porque quedaran sen fío xa que arderan as fábricas de Barcelona”.

Lucita herdou o saber da súa nai e, dende os 6 anos, a almofada e os bolillos son as ferramentas do seu día a día. Avoga por manter a esencia da tradición, que conxuga coa innovación para crear pezas adaptadas aos novos tempos e necesidades. As dúas seguen movendo pares a diario, algo que para Mercedes mesmo é terapéutico, pois asegura que cando se atopa decaída “vou palillar, a ver se me compoño”.