Camariñas acollerá en xullo o maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia

Momento do roteiro histórico animado nunha edición anterior pola costa de Camelle.

Momento do roteiro histórico animado nunha edición anterior pola costa de Camelle. / City of Agra

O concello de Camariñas acollerá do 7 ao 9 de xullo a cuarta edición do evento City of Agra: 126 anos na memoria, o maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, que se desenvolverá en Camelle e Arou polos 126 anos da catástrofe do buque inglés.

A Asociación Naufraxios Galegos e o Concello, en colaboración coa comisión de festas de Camelle e a Asociación Cultural A Folia da Faneca de Camelle, organizan este compendio de actividades no que, ademais do programa deseñado, haberá varias exposición, unha feira mariñeira e un concurso de tapas nos bares.

A programación comezará o venres 7 de xullo coa apertura da exposición City of Agra, 126 anos na memoria e a feira mariñeira no paseo marítimo de Camelle. Durante as tres xornadas haberá concertos, roteiros de naufraxios, sardiñada, foliada, teatralizacións e pasarrúas. O domingo 9, ás 12.30 horas, homenaxearase ós náufragos da Costa da Morte e, ás 12.50 unha recepción ós náufragos do City of Agra.